O Concello de Antas de Ulla celebra, nos vindeiros días 8 e 9 de setembro, as súas festas patronais na honra da Virxe dos Remedios
As celebracións comezarán este domingo, día 8 de setembro, con numerosas actividades, entre as que destacan dúas grandes actuacións musicais que terán lugar na praza do Concello. En caso de choiva, trasladaranse, xunto co resto da programación, á praza Nova.
Ás 22:30 será a quenda do grupo local de música tradicional Zoelas, e ás 00:30, a da coñecida agrupación coruñesa Luar na Lubre. Previamente a este último concerto, ás 23:45, haberá un espectáculo de pirotecnia.
O luns 9 de setembro haberá novas actuacións na mesma ubicación. Ás 22:15, «Colección romántica» de David Taboada e Sergio Alba, e ás 00:00, verbena coa orquestra Trebol.
Ademais, ao longo dos dous días de festas haberá pasarrúas a cargo da Banda de Música de Antas de Ulla o domingo e da Asociación Cultural Fiadeira o luns. Tamén haberá concertos da banda de música e da agrupación Dambara, e colchonetas para a cativada, ademáis das tradicionais Misas Solemnes e procesións.
As festas foron organizadas pola Comisión de Festas de Antas de Ulla de xeito conxunto co Concello. A alcaldesa Pilar García Porto destacou «o gran traballo da comisión e a colaboración constante entre esta, as agrupacións locais e o Concello».
«As festas de Antas de Ulla teñen unha tradición moi especial no noso municipio, e supoñen un impulso moi importante para a economía local», sinala García Porto.
«Na edición deste ano teñen un especial peso as agrupacións musicais e artistas de Antas de Ulla, así como as diferentes asociacións culturais, ás que amosamos sempre o noso total apoio», engade a rexedora.