Onte visitaronn a cidade da Coruña, hoxe estarán en Santiago, Cee e Fisterra, e o domingo celebrarán en Caión a Romaría dos Milagres.
Un grupo de dezaoito persoas de Les Sables d´Olonne está de visita nestes días na Laracha nun encontro organizado polo Comité de Irmandamento desa localidade francesa e o Concello da Laracha.
A chegada da delegación gala foi na tarde de onte xoves, cando foron recibidos por unha ampla representación do goberno local encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela. Por parte francesa, lideran o grupo a presidenta do Comité de Irmandamento, Martine Girardeau, e a concelleira de Irmandamentos, Corine Gino.
No día de onte, tamén xunto ao rexedor larachés, visitaronn a cidade da Coruña e o museo MEGA de Estrella Galicia. Este sábado estarán pola mañá en Santiago de Compostela e, pola tarde, en localidades da Costa da Morte como Cee, Fisterra e Caión. Á vila costeira da Laracha regresarán o domingo para participar nas celebracións da Romaría dos Milagres. O luns emprenderán a viaxe de regreso.
A Laracha e Les Sables d´Olonne están irmandados desde o ano 2022, cando actualizaron o acordo rubricado en 2010 con Olonne sur Mer trala fusión entre os tres antigos municipios franceses que formaban o País de Olonne formando actualmente unha entidade única de máis de 45.000 habitantes.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, mostrouse orgulloso tras recibir á delegación de Les Sables d´Olonne por “volver evidenciar que os lazos de amizade continúan renovándose ano tras ano”.