O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitaron o Hotel O Semáforo de Fisterra no inicio da campaña.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitaron hoxe o hotel O Semáforo de Fisterra, un dos máis de 400 establecementos adheridos ao Bono Turístico da Xunta cuxa campaña comeza hoxe mesmo. Alí, Xosé Merelles animou aos usuarios dos bonos a comezar a empregalos desde hoxe e ata finais da ano “para gozar de estadías en Galicia fóra de temporada alta”.
Neste sentido, salientou o interese do bono tamén nesta campaña, cuxas descargas -un total de 16.666- esgotáronse menos de quince días despois de que se abrise o prazo. “E este ano cada usuario puido descargar ata dous bonos, polo que o investimento que ofrecemos nesta edición está entre os 150 euros e os 300 euros para gozar dunha estadía este outono en Galicia”, indicou.
Xosé Merelles recordou que se trata dunha iniciativa que vai asentándose despois de catro anos de éxito, nos que conseguiu inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego -especialmente nas primeiras edicións en contexto da pandemia- e contribuír a impulsar a actividade fóra de temporada alta. “Nestes catro anos puxemos en circulación máis de 47.000 bonos e mobilizamos máis de 14M€”, indicou. Neste sentido, confiou en que a campaña deste ano que comeza hoxe “continúe a senda de edicións anteriores e nos permita seguir avanzando como destino desestacionalizado”.
Desestacionalización na Costa da Morte
O director de Turismo de Galicia agradeceu tamén ao sector con empresas como o Hotel Semáforo de Fisterra por sumarse a esta iniciativa “e seguir facendo deste destino un lugar diversificado”. De feito, salientou que ata o de agora hai inscritos 426 establecementos turísticos e recordou que as empresas poden seguir anotándose ata o 2 de decembro na páxina web www.bonoturismo.gal.
Confiou en que iniciativas como estas continúen “a que sigamos avanzando nun modelo turístico desestacionalizado e desconcentrado” e puxo como exemplo o bo comportamento que están a ter destinos como a Costa da Morte este ano que, nos sete primeiros meses incrementou un 4,5% o seu número de viaxeiros no sector hoteleiro e medrou especialmente fóra de temporada. “O volume de noites incrementouse en xaneiro, marzo, maio e xuño entre un 9 e un 17%, unhas cifras moi boas que constatan que pouco a pouco conseguimos ser atractivos tamén fóra de temporada”. Salientou tamén a capacidade da Costa da Morte por atraer turismo internacional, cun crecemento deste mercado dun 15%”.