Nunhas recentes declaracións dunha dirixente do Partido Popular de Oleiros, parecía molestarlle que o Concello organice actividades de Nadal como as previstas tanto na pista da Segunda República (Perillo) como na praza Esther Pita (Santa Cruz).
Esas sorprendentes manifestacións do PP son contrarias a que o municipio ofreza ás persoas máis novas e mozas algunhas fórmulas alternativas para empregar o tempo de lecer de xeito máis divertido durante o mes do nadal, centrando nestes espazos dúas opcións de ocio atractivas para empregar o tempo libre.
A organización destas actividades a baixo prezo para as persoas usuarias e financiadas na maioría do seu custo con fondos municipais, será complementada co alumeado dunha árbore de nadal en cada parroquia ou núcleo poboacional; evitando así encher de luces un municipio tan extenso, disperso e poboado como Oleiros.
Por outra banda, Concello de Oleiros sempre colaborou e colabora activamente coas entidades sociais, veciñais, culturais ou iniciativas empresariais… que dispoñen alumeado navideño, entre outras actividades, nas súas respectivas zonas de influencia facéndose cargo dos gastos enerxéticos dos alumeados.