O Concello colabora coas entidades veciñais na celebración, que terán lugar o venres, sábado e domingo con actividades para todas as idades.
O Concello da Coruña colabora unha semana máis nas festas nos barrios da cidade promovidas desde as diferentes entidades veciñais. Nesta ocasión, os festexos trasládanse a Pedralonga e A Falperra, onde terá lugar o Día do Comercio na Rúa. O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta pola descentralización das festas da cidade, organizando diferentes iniciativas da man dos veciños e veciñas.
En primeiro lugar, o venres celebraranse as festas de Pedralonga. A xornada comezará ás 17.00 horas coa apertura de diferentes atraccións para nenos e nenas. Ás 20.00 horas haberá unha churrascada popular e ás 22.00 horas actuará a orquestra Foliada d’Ases.
Por outra banda, na Falperra a décima edición do Día do Comercio na Rúa celebrarase o sábado e o domingo. Será na rúa Industrial, onde haberá un mercado de artesanía ambas xornadas. O sábado ás 13.30 horas actuará Madiband, ás 18.30 será a quenda de DJ Jorge Viuda, ás 19.00 haberá unha actuación de Danza 10, ás 20.30 da Tuna de Veteranos e, xa pola noite, ás 22.00 horas, actuará Giro Total.
O domingo a xornada comezará ás 13.00 horas coa actuación familiar Lilicleta Infantil. Ás 14.00 horas a sesión vermú será amenizada pola banda Delao, mentres que pola tarde actuarán DJ Jorge Viuda (17.30) e Awi (20.00). Haberá inchables e xogos infantís.