Javier Arias visitou a terceira edición deste evento, organizado pola Asociación de Empresarios do Barrio da Tinería, Itineris, co apoio do Goberno autonómico
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a terceira edición das Festas da Tinería, organizada pola Asociación de Empresarios do Barrio da Tinería, Itineris, e que conta co apoio do Goberno galego.
Javier Arias destacou o éxito desta iniciativa «que contribúe a dinamizar un barrio emblemático da cidade ao tempo que serve para divulgar os nosos oficios tradicionais , poñer en valor o produto feito á man e da marca Artesanía de Galicia, e tamén para promocionar produtos locais con selo de Galicia Calidade».
No marco desta cita, a Fundación Artesanía de Galicia impulsou a realización de tres obradoiros de iniciación a diferentes oficios. A artesá Marga Portomeñe (Lugo) impartiu un obradoiro de cartón pedra; o obradoiro de tecido Fusaiola (Vilalba) amosou como utilizar un tear manual de baixo lizo; e Tres Caracoles (Lugo) dirixiu un taller de coiro.
Durante esta terceira edición, a Festa da Tinería contou tamén con dous stands de degustación de produtos locais con selo de Galicia Calidade, nunha actividade organizada en colaboración coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL).
O programa completouse con actuacións en directo de grupos como Virtua Tenis, Gin Toni,s, Malenne ou La Disquetera e outras actividades para todos os públicos, como foi o caso dunha xincana que percorreu os diferentes establecementos do barrio co fin de promover o coñecemento dos negocios locais.
O delegado territorial destacou o esforzo da Xunta de Galicia para avanzar de xeito paralelo na rehabilitación urbanística e na recuperación económica, social e cultural do barrio da Tinería, «con máis de 26M€ investidos e 40 edificios rehabilitados, que albergan 96 vivendas e unha vintena de locais». Lembrou tamén a colaboración do Goberno galego co Grupo Etnográfico Traxandaina para impulsar un centro de interpretación do traxe tradicional galego no barrio.