A colección de indumentaria do Museo do Pobo Galego xa está dispoñible para consulta a través da web

por Redacción Galicia

O Museo do Pobo Galego continúa a aumentar os fondos dispoñibles para a súa consulta en liña, coa incorporación da colección de indumentaria. Polo de agora, serán 100 pezas concernentes á vestimenta tradicional e á moda internacional as que poderán verse a través da web do Museo. Entre elas, mantelos, dengues, panos ou mandís da indumentaria máis propia da nosa terra, pero tamén pezas que empregaban as clases altas da sociedade, con roupa que seguía os ditados da moda internacional. 

Estes fondos relacionados coa indumentaria veñen engrosar un catálogo en liña que xa daba acceso ás pezas do legado de Francisco Asorey custodiadas polo Museo, así como á colección de fondos procedentes do antigo Seminario de Estudos Galegos. En total, son xa preto de 400 obxectos, con imaxes e información sobre cada un deles, os que poden consultarse, atendendo a criterios como a súa procedencia, o material do que están feitos ou a técnica empregada en cada caso. 

A consulta e o acceso en liña da colección é posible grazas ao programa desenvolvido por Novadoc OaiStore, pero tamén grazas ao traballo de moitas persoas, especialistas na documentación, catalogación e xestión de coleccións museográficas, que nos últimos tempos achegaron os seus coñecementos e esforzo ao Departamento de Colección do Museo do Pobo Galego. O obxectivo é seguir facendo medrar o catálogo en liña, incorporando parte dos 16.000 rexistros que integran a Colección, para seguir avanzando na consecución dun Museo máis accesible para todas e todos os galegos. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario