O delegado territorial, Javier Arias, explica que o Goberno galego apoia a xornada a través dun convenio coa USC para realizar este ano no Campus Terra accións de fomento do emprego e promoción da cultura emprendedora.
A Xunta colabora coa USC para organizar en Lugo a xornada Emprega-T Fest, que se desenvolverá este xoves 19 de setembro co obxectivo de axudar ás persoas demandantes de emprego a mellorar as súas oportunidades laborais.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento na Delegación Territorial da Xunta xunto coa delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López.
Arias salientou o apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través dun convenio asinado coa USC para desenvolver actividades orientadas a fomentar o emprego e a cultura emprendedora. En concreto, neste caso habilita ao Campus Terra para realizar este ano accións que promovan o emprendemento, como feiras e xornadas, ademais doutros proxectos co mesmo obxectivo.
No que respecta ao Emprega-T Fest, desenvolverase de 10,00 a 19,00 horas na praza Horta do Seminario. Será un punto de encontro entre o mundo empresarial e aquelas persoas que busquen emprego ou que queiran mellorar os seus perfís profesionais.
A feira contará con espazos expositivos onde as empresas presentarán a súa oferta laboral e unha zona de entrevistas rápidas aos candidatos cunha duración de 15 minutos. Na páxina web do evento está dispoñible toda a información e a través dela as persoas interesadas tamén poden rexistrar os seus respectivos currículos, algo que poden facer ata o día 18 de setembro.
A xornada tamén ofrecerá mesas redondas, charlas e talleres formativos. Haberá ademais un apartado de ocio que ofrecerá música e outras actividades.