Confirma que a Xunta continuará prestando apoio económico e organizativo aos nosos deportistas para que sigan amosando a súa valía no futuro
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, sinalou hoxe que os “resultados fantásticos” obtidos nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos que se disputaron este verán en París reflicten o gran momento que vive o deporte galego.
Foi na recepción aos 46 deportistas que participaron en ambas competicións onde o titular do Executivo galego apuntou que logros en competicións deportivas coma estas danlle aos competidores e a toda Galicia unha visibilidade mundial. “Sodes un exemplo para todo o mundo, por suposto para a xente nova e, en xeral, para Galicia”, afirmou o presidente.
Neste sentido, Rueda felicitou aos presentes polos bos resultados acadados nuns Xogos nos que aumentou de 25 a 32 o número de participantes galegos respecto das olimpíadas de Toquio. Ademais, ata 20 galegos acadaron medalla ou diploma nos Olímpicos e case o 90 % dos deportistas galegos estiveron entre os oito mellores no caso dos Xogos Paralímpicos. “Fixéchesnos pasar un gran verán, de estar atentos, empuxando e emocionándonos”, agradeceu.
De cara ao futuro, o presidente confirmou que a Xunta seguirá prestando apoio económico e organizativo, para que resalten aínda máis as virtudes dos competidores galegos. Deste xeito, cómpre destacar as axudas específicas que xa están en marcha para os deportistas de alto nivel, a creación da Oficina de Atención ao Deportista ou a futura conversión do Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Centro de Alto Rendemento.