Tres homes detidos por violencia machista durante a fin de semana na Coruña

por 21 Noticias

A Policía Local da Coruña detivo durante a pasada fin de semana a tres homes como presuntos autores de delitos tipificados como violencia machista. Nun dos casos foi preciso a intervención tamén dos equipos sanitarios para trasladar á vítima ao hospital.

Ás 03.30 horas do 14 de setembro, un equipo policial de servizo en prevención da Seguridade Cidadá procedeu á detención dun home de 60 anos de idade como presunto responsable dun delito de violencia de xénero. Os axentes foron testigos da comisión do delito, xa que presenciaran como saíndo dun local de hostalería da zona do Agra do Orzán viron como o home perseguía á muller ata alcanzala e forcexar con ela a pesar dos intentos da mesma de zafarse del.

A muller indicou que non ía presentar denuncia, mais os policías procederon de oficio na detención. O detido foi trasladado a dependencias policiais onde quedou baixo custodia en calabozos.

Ás 22.10 horas do domingo 15 de setembro un home de 34 anos de idade foi detido no interior dun domicilio da avenida de Ramón e Cajal pola súa presunta responsabilidade no concurso dos delitos de violencia de xénero e contra a Administración de Xustiza. A actuación foi practicada por un vehículo patrulla de zona a requirimento dun funcionario tamén deste Corpo, encargado da protección dunha muller vítima de violencia de xénero. Este último informaba de que a súa protexida, momentos antes, requiriuno dado que a súa exparella, da que consta unha orde de afastamento, estaba esnaquizando unha das estancias da vivenda.

A exparella vive coa muller pese á vixencia da orde de afastamento e baixo a conformidade dela.

Pola súa banda, o home manifestou que padece un trastorno mental. Procedeuse á detención deste suxeito e determinouse o seu traslado ao CHUAC para valoración por especialistas en psiquiatría.

Tamén ás 05:30 horas do luns 16 de setembro nun domicilio privado da rúa Industrial, procedeuse á detención dun home residente no mesmo, de 29 anos, pola súa presunta responsabilidade nun delito de violencia de xénero perpetrado sobre a súa parella habitual e coa que reside no mesmo. Os funcionarios policiais foron requiridos vía 092 pola tía da vítima, a cal denunciaba que minutos antes escoitou berros e golpes na habitación da súa sobriña. Ao dirixirse á mesma viu como o seu familiar sangraba por unha das súas mans, observando tamén como as paredes e chans da estancia estaban cheos de manchas de sangue.

A vítima, pola súa banda, relatou que tras unha discusión coa súa parella, esta comezou a agredila. Foi preciso requirir os servizos dunha ambulancia do 061 para o traslado da vítima ao CHUAC para a curación das feridas que presentaba. Procedeuse á detención do home, sendo trasladado a dependencias policiais do Lonzas onde ingresou en calabozos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario