Un estudo sobre o impacto das secuelas do ictus advirte sobre a urxencia de mellorar a atención integral na fase de rehabilitación

por Redacción Nacional

A investigación, impulsada pola Federación Española de Daño Cerebral e Ipsen, analiza a situación do recorrido asistencial e a atención sociosanitaria en España do ictus, primeira causa de discapacidade adquirida en persoas adultas

A sede da Consellaría de Sanidade en Santiago de Compostela acolle o 18 de setembro, ás 16:30 h, a presentación en Galicia do informe Investigación social sobre el impacto de las secuelas en las fases subaguda y crónica tras un ictus, impulsada por Daño Cerebral Estatal e IPSEN.

O informe, avalado pola Sociedad Española de Neurología e a Sociedad Española de Rehabilitación y Medicina Física e realizado coa colaboración dun comité científico asesor, realiza unha diagnose da situación actual da atención sociosanitaria do ictus a través da visión de 30 profesionais da rehabilitación e a neuroloxía, así como de máis de 100 persoas de toda España que tiveron secuelas por esta causa.

Ademais, o estudo tamén ofrece unha serie de recomendacións para avanzar cara a unha atención integral, individualizada e centrada na persoa. Nese senso, o documento apunta a importancia de impulsar unha abordaxe multidisciplinar e coordinada que permita un tratamento integral desde o inicio e durante todo o proceso.

O informe sinala que, malia a redución da mortalidade grazas aos avances na atención nos primeiros momentos tras producirse un ictus,  as carencias nas fases posteriores, cando se precisa iniciar intervencións orientadas á recuperación funcional das secuelas, provocan que moitas persoas non reciban unha rehabilitación adaptada ás súas necesidades.

Entre as principais eivas a corrixir, o estudo apunta á insuficiente coordinación entre niveis asistenciais, especialmente con atención primaria; á falta de recursos e profesionais sanitarios para garantir unha rehabilitación coordinada e de calidade; así como á escaseza de medios na planificación e atención sociosanitaria para a inclusión na comunidade.  

Igualmente, destaca a necesidade de mellorar a protocolización e individualización de todo o proceso rehabilitador, así como a calidade e o acceso a este, para poder garantir a continuidade asistencial e a planificación de recursos das persoas que sobreviven a un ictus, a segunda causa de morte a primeira de discapacidade en adultos en España.

Programa da xornada de presentación

A presentación do informe terá lugar nunha xornada de análise titulada ‘Retos e propostas de mellora na atención sociosanitaria do ictus‘, coorganizada por Dano Cerebral Galicia e Ipsen. Representantes institucionais, integrantes do comité científico asesor, profesionais sociosanitarias e integrantes do movemento asociativo do dano cerebral adquirido analizarán, con perspectiva galega, os principais conclusión do estudo. A continuación, indícase o contido do acto:

16.30 h. Apertura institucional. Interveñen:

  • Antonio Gómez, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.
  • Luís Cordero, director de Asuntos Públicos y Acceso al Mercado de Ipsen Iberia. 
  • Luciano Fernández, presidente de Dano Cerebral Galicia.

16.45 h. Mesa redonda: ‘Visión de profesionais sanitarios e persoas con ictus’.
Expón Patricia Simal, neuróloga da Unidade de Ictus do Hospital Universitario Clínico San Carlos, coordinadora científica da Estratexia en ictus do Sistema Nacional de Saúde e integrante do comité científico asesor do estudo.

Modera Jacobo Formigo, responsable da Unidade de Rehabilitación Intervencionista do CHUAC, vicepresidente da Sociedade Galega de Rehabilitación e Medicina Física e integrante do comité científico asesor do informe.
Interveñen:

  • Mar Castellanos, xefa do Servizo de Neuroloxía do CHUAC e asesora colaboradora do informe. 
  • Rocío García, psicóloga-neuropsicóloga e directora de Sarela.
  • Lourdes Bermello, enfermeira e ex presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo.
  • Sonia Estévez, usuaria de ADACECO e integrante da Rede de Cidadanía Activa de Dano Cerebral Galicia.

18.00 h. ‘Recomendacións para a mellora na atención asistencial.’ Intervén Jacobo Formigo.

18.15 h. Peche institucional. Intervén Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social.

Inscrición

A asistencia á xornada é gratuíta, pero, por cuestións de aforo é preciso inscribirse previamente na seguinte ligazón: https://forms.office.com/e/MsaEsdz8Ew?origin=lprLink

O público recibirá un exemplar impreso do informe e ao finalizar o acto haberá un pequeno cátering.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario