A área actual pasará de 20 m2 a 90 m2, distribuída en dúas zonas e seis novos elementos de xogo individuais.
O Concello da Coruña iniciou os traballos para a ampliación da área biosaudable do barrio de Palavea, localizado na parte posterior do bloque 7. O obxectivo é dotar ao barrio dun equipamento de xogo renovado con máis elementos, ampliando a súa superficie.
Na actualidade, a área conta con diversos elementos distribuídos sobre unha superficie de caucho de aproximadamente 20 m². Coas obras postas en marcha polo Goberno de Inés Rey, o parque pasará a contar con 90 m2, cuadriplicando a súa superficie. Esta esará dividida en dúas zonas próximas entre si, ambas pavimentadas con caucho de cores.
Tamén se instalarán seis novos xogos para maiores de 13 anos, substituíndo a anterior estrutura combinada. Instalarase unha bicicleta deportiva e unha de brazos, un step asistido, unha roda de estiramentos, unha presa inclinada e unhas barras paralelas. Os xogos novos individuais permiten ás persoas usuarias facer uso simultáneo dos xogos con maior liberdade.
Ademais da ampliación, o Concello acometerá a renovación do pavimento actual igualando a superficie das dúas novas áreas. Tamén se retirarán os elementos de xogo actuais para a súa restauración e instalarase un novo cartel informativo da área biosaudable, con indicacións de seguridade e uso.
A intervención, que conta cun orzamento de 39.962,26 euros, enmárcase na plan impulsado polo Goberno de Inés Rey para a mellora das áreas biosaudables e equipamentos deportivos nos barrios da Coruña. O tempo de execución dos traballos é de dous meses.