O PPdeG acusa a PSOE e BNG de «ir en contra de Galicia» coa súa postura sobre Altri e reclaman ao Goberno central os fondos europeos comprometidos para o proxecto.
O PPdeG acusa ao PSOE galego e ao BNG de «ir en contra de Galicia» coa súa postura sobre o proxecto que Altri pretende implantar en Palas de Rei e reclama ao Goberno central os fondos europeos que no seu día Pedro Sánchez comprometeu para facelo realidade.
Así o manifestaron publicamente os populares galegos esta tarde en Palas de Rei nunha reunión de traballo con alcaldes e portavoces do partido na comarca da Ulloa que estivo encabezada pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e as responsables de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Economía e Industria do Goberno galego, Ánxeles Vázquez e María Jesús Lorenzana, respectivamente.
Esta última lamentou que o proxecto de Altri e moitos outros na nosa Comunidade estean sendo «claramente castigados pola Moncloa e as súas sucursais en Galicia», afeando ao PSOE galego que estea «en contra do emprego e do desenvolvemento industrial de Galicia só por seguir as ordes de Pedro Sánchez» e ao BNG que sexa incapaz de entender que «o desenvolvemento industrial e o aproveitamento dos nosos recursos son compatibles».
«Nós imos seguir loitando para que non se castigue a Galicia e para que os nosos proxectos poidan ter financiamento», remarcou ao tempo que volvía reclamar ao ministro de Industria un trato «igualitario» para os proxectos industriais galegos e «os mesmos requisitos que se lle esixen a outros».
Lorenzana referiuse así ao feito de que «o Goberno de España está loitando por conseguir financiamento europeos para proxectos que nin sequera teñen iniciado a súa tramitación ambiental» pero non fai o mesmo cun proxecto como o de Altri, que «supón un investimento de 1.000 millóns de euros para o desenvolvemento da zona central de Lugo e de parte da provincia da Coruña».
De aí que fixera un chamamento público a que tanto José Ramón Gómez Besteiro como Ana Pontón pensen non só na «necesidade que ten Galicia de percibir eses fondos para o seu desenvolvemento industrial», senón especialmente nas «2.500 familias que poderían ter emprego na comarca de Ulloa se o proxecto de Altri se converte nunha realidade».
É POSIBLE MANTER O EQUILIBRIO ENTRE MEDIO AMBIENTE E ECONOMÍA
Pola súa banda, Ánxeles Vázquez ironizou con que «aqueles que queren perseguir as fake news ou que falan de embarrar son os primeiros que están facendo xusto o contrario co proxecto de Altri». Xa que, tal e como explicou, este proxecto aínda non concluíu a súa fase de avaliación ambiental pero, polo de agora, «os informes que xa son públicos conclúen que cumpre estritamente todos os parámetros establecidos pola normativa europea, estatal e autonómica en materia de emisións e vertidos».
«Eu o que lle pediría ao señor Besteiro e á señora Pontón é que sexan consecuentes cos seus actos e que, como representantes de Galicia, non deosten a nosa terra. Primeiro, porque estamos nun Estados de Dereito no que hai que cumprir a lei como fai e sempre fará o Goberno galego. Segundo, porque hoxe é Altri pero mañá podería ser calquera outro proxecto na nosa Comunidade», apuntou.
A responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego subliñou que o Executivo autonómico seguirá traballando na mesma liña que ten xa establecida: «A de loitar para que empresas tractoras se instalen no territorio e poidan crear riqueza cumprindo coa lexislación vixente e garantindo o equilibrio entre medio ambiente, saúde e economía».
O RURAL ACTÍVASE CON EMPREGO E POBOACIÓN
Na reunión organizada polo PPdeG tamén participaron a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, as coordinadoras de Medio Ambiente e de Industria do partido, Marisol Díaz Mouteira e Marta Novoa; así como os portavoces destas mesmas áreas do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Gonzalo Trenor e Rubén Lorenzo, respectivamente.
Todos eles foron recibidos polo alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, que tamén se uniu á crítica a un PSOE e a un BNG que, coa súa postura, sitúanse «en contra do maior investimento que nunca se proxectou na nosa comarca e na nosa provincia e un dos máis importantes que Galicia poida ter».
«É un proxecto importantísimo para o nosos veciños e especialmente para aqueles que xa aportaron os seus currículos á empresa coa esperanza de poder conseguir un posto de traballo», apuntou incidindo en que para o rural galego son fundamentais iniciativas como esta na medida en que «son a única vía para gañar poboación e non perdela ano tras ano».