Nestes días estase a renovar a sinalización vial en 26 puntos.
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, afirmou, coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, que «Lugo está a mudar, converténdose nunha cidade máis sostible». «O novo modelo de liñas de transporte, que chegan a máis do 80% da poboación, e a aceptación dos medios de transporte alternativos están a facer de Lugo un lugar mellor», afirmou o responsábel de Infraestruturas.
Nos últimos anos, desde a Tenencia de Alcaldía creáronse 15 novas áreas peonís tanto no centro da cidade como nos distintos barrios, 18.000 metros cadrados de novos espazos peonís en zonas como a Milagrosa, o Sagrado Corazón, Recatelo, Acea de Olga ou a Piringalla, «zonas útiles para o día a día da veciñanza, creando unha rede de puntos de convivencia para as persoas cos que antes moitos barrios non contaban», destacou Penas.
O edil de Infraestruturas anunciou que durante a Semana Europea da Mobilidade, o Goberno de Lugo continúa a mellorar a sinalización horizontal en todas as zonas da cidade. Penas afirmou que «nestes días
actuarase en 26 puntos, renovando a sinalización de pasos de peóns e marcas viais», e destacou que se continuará a senda peonil en Castelo de Arriba cunha nova franxa de preferencia peonil na vía «que dará
máis seguridade ás veciñas e veciños que se desprazan pola zona». No pasado mandato, habilitouse un primeiro treito que garantiu un percorrido seguro polo treito do Camiño Primitivo, e agora continúan con esta medida aumentando a seguridade no resto do barrio.
A área de Mobilidade renovará ao longo dos vindeiros días a sinalización horizontal en distintos puntos das rúas Mazaira, Quiroga, Santo Graal, Curros Enríquez, Santiago, Juan Antonio Moreno Fuentes, Illa Coelleira, Rei don García, San Xillao, Pedro González López, Catasol, Carril das Flores, Monforte, Irmáns Carro, Camiño de Romai, Roberto Novoa Santos, Xenebro, Flor de Toxo, Doutor Xermán Alonso Hortas, ademais de na intervir na rolda das Fontiñas, avenida Anxo López Pérez, rolda da República Arxentina, Castelo de Arriba,
Albeiros ou no Polígono das Gándaras.