Xosé Merelles salientou a aposta da Xunta de Galicia por facer uso das tecnoloxías para avanzar nun Camiño de Santiago cada vez máis sostible

por 21 Noticias

Así o manifestou durante a presentación do proxecto de dixitalización Camiño Francés: Camiño 360º’, unha iniciativa promovida pola Mancomunidade de Municipios Galegos do Camino Francés que se incardina coa estratexia de dixitalización, innovación e sostibilidade da Xunta de Galicia”.

No decurso do acto, Xosé Merelles agradeceu á Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés a súa aposta por “avanzar nun Camiño de Santiago cada vez máis adaptado aos novos tempos, mantendo sempre á súa esencia”. Neste sentido, salientou que se aliña cos obxectivos do Goberno autonómico que conta con diferentes medidas nesta liña no Plan Diretor dos Camiños de Santiago 2027 “e tamén fixemos uso dos fondos europeos Next Generation para afondar nestas cuestións”, engadiu.

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia salientou que o Goberno galego non escatima “esforzos no mantemento e adaptación das rutas xacobeas mediante a dixitalización, do mesmo modo que procuramos a excelencia na experiencia do peregrino innovando a oferta de peregrinación”. Nesta liña, atópase o Plan Xacobeo Next Generation, que conta cun investimento global de 39,1M€ con fondos europeos, dos que a Xunta xestiona directamente máis de 31M€.

Xacobeo Next Generation

Neste marco financeiro, Turismo de Galicia enmárcase tamén un ambicioso proxecto que, como dixo, xa está en marcha.  “Trátase da dixitalización dos diferentes elementos e instrumentos da Rede dos Camiños de Santiago en Galicia a través dunha cartografía dixital de todos os Camiños para identificar e vectorizar, coa precisión suficiente, os diferentes elementos territoriais”, explicou.

Xosé Merelles indicou que ademais esta planificación tamén inclúe unha aplicación que permita, en xeral, a xestión, mantemento, agregación de nova información e explotación dos datos por parte de técnicos e especialistas en turismo. Finalmente, tamén se  producirá un vídeo 360 xeorreferenciado para cada un dos itinerarios do Camiño de Santiago.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario