Convocado o XI Premio Concepción Arenal a proxectos educativos pola igualdade de xénero

por Redacción A Coruña

Concederá un premio de 5000 euros para o gañador das tres categorías a concurso: educación infantil, educación primaria e educación secundaria, bacharelato e formación profesional básica e grao medio.

A Deputación da Coruña vén de convocar o XI Premio Concepción Arenal a proxectos educativos pola igualdade de xénero. O prazo de presentación de traballos estará aberto desde o 20 de setembro ata o 31 de outubro.

Repartirá 15 000 euros en premios: 5000 para o gañador das tres categorías a concurso:

• A. Educación infantil.

• B. Educación primaria.

• C. Educación secundaria, bacharelato e formación profesional básica e grao medio.

Poderán participar centros educativos públicos da provincia que impartan esas tres modalidades de ensino.

O obxecto do certame é deseñar e executar proxectos educativos que procuren o desenvolvemento de habilidades para a identificación e o rexeitamento dos estereotipos sexistas que contribúen a xerar e manter a violencia de xénero, así coma a construción de esquemas alternativos que axuden a comprender e respectar a igualdade de oportunidades reais entre sexos, a igualdade de trato e a non discriminación por razón de orientación sexual e identidades de xénero.

A presentación dos proxectos e todos os trámites da convocatoria realizaranse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña.

As bases do certame están publicadas no BOP do 29 de agosto.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario