Amnistía Internacional Galicia organiza en Vigo un coloquio sobre a paz en Gaza

por Redacción Vigo

Amnistía Internacional Galicia organiza en colaboración coa Plataforma Cívica de Vigo Pro Palestina  o vindeiro xoves 26 de setembro unha charla arredor da invasión de Gaza e a posibilidade dunha resolución pacífica á matanza de civís que se vén producindo dende o pasado mes de outubro de 2023. Este acto está protagonizado por profesionais moi destacados do mundo do xornalismo e os Dereitos Humanos que nos axudarán a contextualizar e descubrir as causas deste conflito e buscar saídas pacíficas ao mesmo.

Xoves 26 de setembro. Coloquio “Voces pola paz en Israel e o Territorio Palestino Ocupado”

O vindeiro xoves 26 de setembro ás 19h, Amnistía Internacional Galicia en colaboración coa Plataforma Cívica de Vigo Pro Palestina organizan no auditorio da sede da ONCE de Vigo a charla ”Voces pola paz en Israel e o Territorio Palestino Ocupado”, na que Patricia Simón (xornalista expecializada en Relacións Internacionais) entrevistará ao rabino Jeremy Milgrom, líder relixioso xudeu activista pola paz e recoñecido mediador internacional. 

Neste faladoiro coñeceremos da man da xornalista Patricia Simón a figura de Jeremy, quen leva décadas percorrendo o mundo denunciando as políticas de asasinatos e a ocupación israelí dos territorios palestinos. Como cofundador da organización Clérigos por la paz, loita polos Dereitos Humanos dende unha perspectiva interrelixiosa e de entendemento entre os pobos. A súa postura, en favor tamén da loita das comunidades beduinas dos Jahalin, levouno a dar conferencias por todo o mundo en favor da non-violencia e o diálogo entre culturas en Oriente Medio.

Deste xeito, queremos reunir a dúas voces autorizadas que darán a súa visión sobre a terrible situación que vive a poboación civil de Gaza na actualidade. Xuntas, analizaremos as chaves históricas que desembocan no atentado de Hamas do 7 de outubro e a posterior ataque por parte de Israel sobre a Franxa de Gaza. Deste xeito, propiciaremos un debate fundamentado, aberto e comprometido para propoñer alternativas para a fin do conflito.

Notas biográficas

Jeremy Milgrom. Rabino e co-fundador de “Clérigos por la paz”. Nado en Estados Unidos, Jeremy vive dende o ano 1968 en Israel. Ordeouse no Seminario Teolóxico Xudeu de America en Nova York e, dende ben novo, traballou por buscar unha paz xusta en Oriente Medio. Deste xeito, asume papeis de líderazgo nos grupos de paz israelíes dende hai máis de catro décadas.

Actualmente, percorre o mundo como conferenciante de éxito, dando a coñecer a súa visión do xudaísmo, universalista e pacifista. Como co-fundador e co-director de “Religions for Peace”, lidera un grupo de musulmáns, cristiáns e xudeus que defenden unha solución xusta e pacífica ao conflito de Israel e Palestina.

Asimesmo, dende a década dos ‘90, traballa pola defensa dos dereitos da comunidade beduna Jahalin en Cisjordania.

  – Mencións en prensa:

– Entrevista en La Marea por Patricia Simón (Outubro, 2023)

– Entrevista en Carne Cruda por Javier Crudo (Novembro, 2023)

Patricia Simón. Xornalista especialista en Relacións Internacionais. Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Sevilla e especializada en Relacións Internacionais polo Instituto de Estudos Políticos de Lyon.

Recoñecida polo seu labor como reporteira freelance, percorre máis de 25 países, como Colombia, Palestina, Irak, Estados Unidos ou Líbano, narrando diversos conflitos armados e situacións de crise humanitaria.

Actualmente colabora regularmente con La Marea e o programa de radio Carne Cruda, así como coa revista Pikara magazine, onde dá a coñecer as súas reportaxes centradas en conflitos, migración, loita contra a pobreza e perspectiva de xénero, entre outros.

Igualmente, compatibiliza o seu papel de xornalista co de conferenciante e docente.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario