Dioivo presentará este sábado, no festival Revoltallo de Vigo, o seu novo videoclip “O rei”

por Redacción Vigo

O dúo vigués de metal estará no festival da parroquia de  Valadares, que ten máis de 30 anos de historia, xunto a Cobra Spell ou Aquelarre.

O dúo vigués de metal en galego Dioivo ten xa un novo videoclip, titulado “O rei”, e o presentará ao vivo mañá, sábado 21 de setembro, no veterano festival Revoltallo. Nel, os vigueses compartiran cartel con bandas como Os Vacalouras, Cobra Spell, Aquelarre, Cabodano ou Blue Merrow, celebrando a que será a súa edición número 31 na parroquia de Valadares. Isto o converte nun dos festivais máis veteranos da zona e de Galicia, destacando a súa aposta pola música rock, punk e metal emerxente e en lingua galega. Desenvolverase ao longo de toda a fin de semana na Carballeira do Pedregal, e a entrada será sempre de balde.

O último videoclip dos vigueses foi gravado precisamente noutro festival, o Extreme Division Mallorca celebrado na cidade de Palma, no que o dúo compartiu escenario con diversas bandas de metal internacionais. Esta situación repetirase agora, esta vez no seu municipio natal, co Revoltallo. As imaxes foron gravadas polo mallorquín Tuco Martín, e editadas pola propia banda, xunto a unha canción que foi incluída no seu último álbum Cara os Ceios Incrementes. Este traballo foi lanzado no pasado ano 2023 polo selo especializado grego Sleaszy Rider, e o concerto en Mallorca foi un dos máis destacados da súa xira de presentación, que os levou tamén por Madrid, Gasteiz, Sant Adrià de Besòs, Braga, Covilhã, Ferrol, Pontevedra ou A Coruña.

Ademais do concerto no Revoltallo, Dioivo ten xa confirmadas outras datas nas que seguirá a presentar ao vivo o álbum e o novo videoclip. O 27 de setembro estarán en Sarria, na ACDE Buril, xunto aos coruñeses de Crystal Somnia e os madrileños de Sound of Broken Souls. E o 18 de outubro estarán en Madrid, na sala vallecana La Trinchera, xunto aos locais Deriva e Lust. “Axiña confirmaremos outros bolos en diferentes puntos da península antes de final de ano, nunca tiveramos tantas actuacións como nesta época e polo momento contamos con seguir mantendo o ritmo”, sinalan dende a banda.

Dioivo naceu en 2016 en Vigo, e dende entón teñen lanzado múltiples traballos discográficos. O seu EP homónimo foi lanzado no mesmo ano de creación da banda, seguido do álbum Dioivo II en 2019 e do EP Dioivo III en 2021. Cara os ceios incrementes, o disco ao que pertence este “O rei”, é o seu segundo álbum, e foi gravado no estudio DS Audio de Vigo polo músico Dany Soengas, membro de agrupacións como Atreides, Lardelúa ou Skydancer. O traballo incluíu tamén outros videoclips, como os de “Paranoia”, lanzado no pasado mes de xullo, ou “Ata o final”, lanzado en febreiro.

Cara os Ceios Incrementes destaca tamén por incluír diversas adaptacións de obras da literatura galega, que foron tamén lanzadas xunto aos seus respectivos videoclips. “Que importa que nos craven as cadeas” musicaliza o poema homónimo de Darío Xohán Cabana, e “Hai sede na Nova Galicia” fai o mesmo con Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Ademais, a banda lanzou, en colaboración con Xosé Luís Méndez Ferrín, “Retorno a Tagen Ata”, unha musicalización da mítica novela do autor na que este participou coa súa propia voz, aportando as súas narracións ao tema.

No pasado ano 2023, a banda sacou así mesmo a súa propia homenaxe ao equipo da súa cidade, o Celta de Vigo, con motivo do seu centenario. “Por 100 anos máis” foi lanzada un 17 de setembro, cabodano do mítico xogador celeste Hermidita, polo que hai apenas uns días vivu o seu primeiro aniversario. “Foi unha canción moi especial para nós, ao estar dedicada ao noso equipo nunha ocasión tan sinalada, e ficamos moi contentos coa acollida que a xente lle deu”, afirman os vigueses. “Facer videoclips é un dos mellores xeitos de compartir a túa música o máximo posible, e por iso seguimos nesa liña agora con esta nova entrega”, engaden.

Dende os comezos da banda esta está integrada por Daniel Valladares Otero á batería e por Jacobo Mouriño Almeida á guitarra e á voz, que coincidiran previamente no cuarteto de thrash metal fundado en 2011 Rust in Peace. Co seu particular estilo de música metal, sempre cantado en galego, teñen dado máis de 70 concertos por Galicia e pola península, compartindo táboas con destacadas bandas de metal como Master, Serrabulho ou Bloodhunter.  Ademais, resultaron galardoados en dúas ocasións no concurso Xuventude Crea da Xunta de Galicia.


Comparte éste artículo
Escribe tu comentario