A presidenta provincial, Elena Candia, destacou que “Pedro Sánchez contradixo ao secretario xeral do PSdeG” en relación ao proxecto de Altri na reunión que mantivo co presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda. De feito, “díxolle o mesmo que fai dous anos, que non sabía porque Besteiro fixera as declaracións dos últimos días e que, incluso, animaba a presentar o proxecto ás distintas convocatorias de fondos europeos”. Polo tanto, “o PSOE queda en evidencia, non está aportando nada a Galicia e, dende logo, non está aportando nada a Lugo”. E, en xeral, sinalou que “o contido da reunión co presidente do Goberno foi algo decepcionante” ante a “falta de compromisos do Goberno de España con Galicia e Lugo”.
A popular fixo estas declaracións na clausura da reunión interparlamentaria celebrada este sábado na que os grupos populares no Concello, na Deputación de Lugo, no Parlamento de Galicia, no Congreso dos Deputados e no Senado analizaron asuntos de actualidade centrándose na materia de infraestruturas, marcaron as liñas de traballo para este curso político e reivindicaron “unha provincia de Lugo mellor conectada, con mellores infraestruturas e máis oportunidades -no ámbito industrial e social- para a provincia”.
De feito, entre os asuntos abordados atópase o “illamento” en materia de comunicacións viarias e ferroviarias -Lugo é a única provincia e capital de provincia galega que queda descolgada do AVE- e a falta de apoio a industrias que favorezan o desenvolvemento da provincia -coma Alcoa ou Altri- por parte do Goberno de Sánchez ou a “falta de proxecto de provincia” por parte do goberno bipartito da Deputación de Lugo” fronte ao modelo do anterior goberno do Partido Popular que “cambiou o desenvolvemento da provincia” da man do impulso ao Campus de Lugo ou á posta en valor da Ribeira Sacra.
Por outra banda, os populares destacaron a aposta da Xunta por Lugo “dirixindo á provincia nos seus orzamento o maior investimento por habitante”. Candia aclarou que “o Grupo Popular no Parlamento de Galicia está para facer propostas e tamén para defender o traballo da Xunta” e, nese sentido, lembraron “o cumprimento dos compromisos coa provincia” en materia de infraestruturas viarias e de mobilidade -en marcha as obras da intermodal, importantes investimentos en mantemento e conservación de estradas de competencia autonómica-, infraestruturas sanitarias – con varios centros de saúde en construción-, no ámbito da conciliación e as políticas sociais, e apoiando ao rural e ao mar – dúas áreas importantes para a provincia que dirixen dous conselleiros lucenses-.
CANDIA: “DA UNIDADE SAEN OS ÉXITOS”
Candia aproveitou para poñer en valor o traballo dos distintos grupos nas distintas institucións “acorde á representatividade que nos outorgaron os lucenses”, sen esquecer a “alcaldes, portavoces e concelleiros que defenden o noso proxecto político na provincia”. Así, convidou a “seguir traballando de forma coordinada, con rigor e compromiso. Da unidade saen os éxitos”.
MOBILIDADE URBANA
A mobilidade urbana na cidade de Lugo está, nestes momentos, comprometida polas obras de peonalización do centro que levan meses de atraso e afectan a residentes e comerciantes. e, en xeral, á vida diaria de tódolos lucenses. Neste momento “aínda non se sabe nada do modificado dos proxectos polo que os traballos van a ralentí á espera dos cambios que debe facer o goberno local. A falta de xestión e de planificación do goberno local, unha vez máis, repercute na mobilidade da cidade de Lugo e na economía local”, explicou o viceportavoz, Ramón Cabarcos.