Ana Miranda reclama ao novo Comisario de Pesca as reivindicacións do sector pesqueiro galego

por 21 Noticias

A eurodeputada do BNG defende un estudo rigoroso para estabelecer unha cota xusta de bocarte e distribucións xustas entre estados

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, na que se debateu sobre as “Reducións das cotas de bocarte nas augas atlánticas ibéricas para os anos 2024 e 2025”. Ao respecto, a eurodeputada galega pediu ao novo Comisario de Pesca, Costas Kadis, que por fin teña en conta as reivindicacións dos mariñeiros, así como unha rectificación para que se contemple o elemento socioeconómico.

“Pido desde o BNG un estudo rigoroso para estabelecer unha cota xusta do bocarte e unha distribución xusta entre estados”, salientou Miranda na súa intervención, tras manifestar a preocupación existente nas poboacións altamente dependentes da pesca, como Galiza, pola inxusta distribución das cotas pesqueiras. “Agardamos que hoxe o Consello de Pesca non peche”, sinalou.

Neste sentido, a eurodeputada do Bloque fixo referencia a un recente informe da Universidade de Santiago de Compostela segundo o cal na distribución das cotas levada a cabo pola Comisión de Pesca non se tivo en conta o aspecto social, como xa en reiteradas ocasións defendeu o BNG.

“O sector xa leva sufrido moito na limitación de moitas especies, incluído o bocarte, realizando recortes moi estritos. Esta limitación do 78% de recorte nun ano para a frota pesqueira do Estado español súmase á inxusta distribución que ten o Estado español”, manifestou, ao tempo que trasladou a desconformidade de que sigan existindo as zonas de pesca 8c e 9 “que non son as reais”, puntualizou.

Recuperación das rías

Ana Miranda subliñou ademais que “non hai pesca se non hai augas limpas”, en referencia ao estado de contaminación das rías galegas, un tema sobre o que o BNG leva desenvolvido un traballo continuado debido non só as consecuencias medioambientais da contaminación, senón tamén polas repercusións no sector pesqueiro e marisqueiro e a continua baixada de produtividade.

Ao respecto o BNG considera indispensable poñer en marcha un plan de recuperación integral das rías galegas -cunha planificación plurianual, co-financiado pola Xunta, Goberno do Estado e fondos europeos-; a elaboración dun protocolo de baleirado de encoros e a ordenación do noso mar e da nosa costa, desenvolvendo plans concretos de apoio ao marisqueo cando se produce perda de produtividade.

Relevo xeracional

Por outro lado, na Comisión de Pesca celebrado hoxe, Ana Miranda falou do relevo xeracional e as dificultades para atopar man de obra no sector. Neste sentido quixo agradecer aos traballadores estranxeiros xa que considerou que, dado o incremento aos discursos de odio na Eurocámara, é xusto recoñecer que grazas a eles o sector pesqueiro está sobrevivindo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario