O BNG pide á Xunta cubrir as prazas de pediatría en Fisterra, Dumbría e Muxía, e restablecer o servizo en Carnota

por Redacción A Coruña

O deputado Oscar Insua denuncia que “o PP afirmou en campaña electoral que as prazas de pediatría na Costa da Morte cubriríanse a través do procedemento extraordinario e comezarían a traballar o 18 de marzo, e despois desa data, a situación non variou”

O BNG da Costa da Morte, a través do deputado Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego nas que insta ao Sergas a prover as prazas de pediatría nos centros de saúde de Fisterra, Dumbría e Muxía, “de forma urxente cun profesional médico especialista”, así como a ofrecer novamente o servizo pediátrico no centro médico de Carnota “nas mesmas condicións, como mínimo, anteriores a maio deste ano”.

Insua lembrou que o centro de saúde de Fisterra leva máis de cinco anos sen que se cubra a praza de pediatría cun especialista. As crianzas eran atendidas ata marzo deste ano por un puericultor, xubilado desde dito mes, provocando que os nenos e nenas da localidade teñan que ser desprazados a Cee. 

En canto aos pediatras que ocupaban as prazas nos centros de atención primaria de Muxía e Dumbría, Oscar Insua sinalou que recentemente pasaron a cubrir o servizo no centro médico de Cee, polo que nestes momentos o centro ceense presta servizo para os nenos e nenas de Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía e Dumbría, quedando dúas novas vacantes sen prover nos concellos abandonados. 

“O PP afirmou en campaña electoral que as prazas de pediatría na Costa da Morte cubriríanse a través do procedemento extraordinario e comezarían a traballar o 18 de marzo, e despois desa data, a situación non variou”, afirmou o representante nacionalista, que advertiu que a reordenación da xerencia da Área Sanitaria Coruña-Cee “acabará provocando a saturación do servizo no centro de Cee, retrasando as revisións e as vacinacións; estáse cargando  de traballo a un só pediatra xusto cando se inicia o curso escolar e comeza a proliferación de catarreiras e contaxios”.

O concello de Carnota tamén presenta problemas no servizo pediátrico, pois desde maio deste ano unha das especialistas do centro de saúde de Muros deixou de desprazarse ao centro carnotán, ao que acudía os luns, mércores e venres de 8,30 a 12,00 horas. Desde dito mes, teñen que ser os pais e nais das crianzas as que vaian a Muros para acudir á consulta.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario