Viñetas desde o Atlántico regresa esta semana coas novas iniciativas de ‘Viñetas Inclusivas’

por Redacción A Coruña

Do 24 ao 27 de setembro, o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña regresa para estender a súa actividade con novas propostas xunto a colectivos desfavorecidos

Esta semana, a 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional do Cómic da Coruña, organizado polo Concello, regresa á cidade herculina con novas iniciativas xunto a colectivos desfavorecidos no marco de ‘Viñetas Inclusivas‘.

A programación arrinca mañá. Do martes 24 ao venres 27 de setembro, ás 18.00 horas, terán lugar as visitas guiadas a cargo de Tonecho Otero co Comité Cidadán Antisida da Coruña – CASCO, tanto a través das exposicións monográficas de Marc Torices e Susanna Martín, como da Expofanzine e a mostra bibliográfica dos Premios Castelao que se sitúan na Sala de Exposicións de Palexco. O concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, xunto ao director e Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, acompañarán este mércores 25 a visita guiada prevista durante a xornada.

Por outra banda, e tamén o mércores 25, ás 18.30 horas, a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil de Durán Loriga acollerá o obradoiro interxeracional ‘Viñetas para todo o mundo’, en colaboración con Aspronaga e Dismacor, da man da xornalista especializada en educación e inclusión Sonia Hermida.

Xa como peche, este venres 27 de setembro, ás 18.30 horas, Viñetas desde o Atlántico organiza, tamén na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil de Durán Loriga, a presentación do fanzine Nai dos desterrados, editado por Amnistía Internacional. Trátase dunha publicación orientada a sensibilizar sobre o papel das mulleres nos conflitos bélicos, con viñetas de Lucía Corral, Chano Ripio, Clara Artiaga, Ada Domeque (Empanada), José Nogueira, Xoana Pousa (Cuchiflainas), Ana Pumares e Marta Argüelles, mentres que a portada está firmada por Bea Gregores.

Cómpre lembrar que, en paralelo, e ata o vindeiro 30 de setembro, as exposicións de Viñetas desde o Atlántico 2024 continúan abertas ao público nas diferentes salas municipais da Coruña, mentres que no Kiosco Alfonso desenvolveranse novos fitos de Viñetas desde a Escola ata o mes de xaneiro de 2025.

Desta forma, o Goberno de Inés Rey continúa a impulsar o Viñetas desde o Atlántico, reforzando a súa programación con seccións especializadas que inclúen, por exemplo, temáticas sociais.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario