O vindeiro 26 de outubro, sábado, o GDR-4 e 10 concellos do xeodestino Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa(Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade) retoman -co apoio de Turismo de Galicia- o II ciclo do proxecto de promoción turística e cultural en colaboración co recoñecido guía e turismólogo lucense Guido Guía.
Despois do gran éxito do primeiro ciclo (cun promedio de 127 asistentes por xornada) será Friol o primeiro dos lugares onde se retomen estas actividades. Nesta primeira xornada -gratuíta, como todas as desta iniciativa- o punto de encontro e final do paseo guiado -que terá lugar de 11h a 14h- será a Praza Andón Cebreiro. A maiores do paseo a actividade contará coa proposta -opcional, para quen o desexe- dun menú especial con produtos da comarca, deseñado e ofrecido pola Taberna de Friol (reservando no teléfono ).
Este proxecto enmárcase nunha estratexia global do Xeodestino e o GDR-4, que xunto a Guido Álvarez Parga programan esta iniciativa que procura poñer en valor as riquezas culturais, históricas, naturais, gastronómicas e artísticas de todos os concellos deste territorio.
Guido Álvarez Parga (proxecto Guido Guía) é un turismólogo, profesor univeristario (no Grao de Turismo da UNED en Lugo) e guía moi recoñecido a nivel lucense e galego polas súas iniciativas turísticas e culturais diferentes e innovadoras. Foi recoñecido como un dos 10 Lucenses do Ano 2020, co premio «Travelers Choice» da plataforma internacional TripAdvisor nos anos 2022, 2023 e 2024, e outros galardóns que o acreditan na súa labor profesional.
INSCRICIÓNS NA ACTIVIDADE: gratuítas, a través do correo info@comarcadelugo.gal e do teléfono 982 23 80 00
Foto portada: Presentación do II ciclo «Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía». Guido Álvarez, Lorena López Cedrón (xerente do GDR-4) e María Ángeles Buján (Concelleira de Cultura do Concello de Friol)