O eurodeputado galego Nicolás González Casares, en representación do Partido Socialista de Galicia (PSdeG), rexistrou onte no Parlamento Europeo unha serie de preguntas sobre o Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, impulsado polo goberno de Rueda. Este anteproxecto podería estar vulnerando a lexislación europea que protexe a liberdade e a independencia dos medios de comunicación, poñendo en risco a pluralidade e a promoción da lingua e cultura galegas na CRTVG, o ente público de comunicación.
Dende hai anos, os traballadores da CRTVG denuncian a manipulación informativa na canle, un problema especialmente grave dado que o medio é financiado cos impostos de todos os galegos e galegas. A pesar destas denuncias, o goberno do PP non só ignorou estas reclamacións, senón que agora pretende aumentar aínda máis o seu control .
As principais preocupacións que González Casares trasladou a Bruxelas son as seguintes:
Concentración do poder nos nomeamentos: González Casares solicitou á Comisión Europea que analice se o novo sistema proposto, que elimina a necesidade dunha maioría reforzada no Parlamento galego para elixir a dirección xeral e o consello de administración da CRTVG, respecta os principios de pluralidade e independencia que deben rexer nos medios públicos. Este cambio concentraría o poder de nomeamento nas mans dun só partido, o PPdeG, e do presidente da Xunta, o que podería poñer en perigo a imparcialidade e a independencia da CRTVG.
Eliminación de órganos de control interno: O eurodeputado tamén expuxo a posible incompatibilidade da eliminación do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos coa normativa europea que asegura o control interno e a transparencia nos medios de comunicación. A proposta de substituír estes mecanismos por un consello asesor, cuxos membros serían designados directamente polo goberno galego, podería supoñer unha grave intromisión política que erosione a independencia da CRTVG.
Risco para a produción propia e os informativos: Outra das cuestións presentadas por González Casares é a apertura da CRTVG a iniciativas privadas en todas as súas áreas, unha medida que podería reducir a produción propia e debilitar a calidade dos informativos, comprometendo a función de servizo público que debe cumprir a CRTVG.
Emisión de contido en castelán: Finalmente, o eurodeputado cuestionou se a posible introdución de contidos en castelán na CRTVG, cuxo mandato principal é a promoción da lingua e cultura galegas, se axusta aos principios de diversidade lingüística e cultural defendidos pola Unión Europea. O PSdeG considera que esta medida podería debilitar o papel da CRTVG como defensora da identidade galega, nun contexto onde o castelán xa está amplamente representado noutros medios.
Con estas accións en Bruxelas, o PSdeG reafirma o seu firme compromiso coa defensa da liberdade e pluralidade dos medios públicos galegos, así como coa preservación da lingua e cultura galegas. É crucial que as institucións europeas revisen este anteproxecto de lei e tomen as medidas necesarias para asegurar que Galicia conte cun servizo público de comunicación verdadeiramente independente, plural e comprometido coa súa identidade.