A Delegación da Xunta en Lugo acollerá as V Xornadas de Prevención da Violencia de Xénero organizadas por Alar Galicia

por Redacción Lugo

Profesionais de diferentes campos ofrecerán a súa visión en charlas e mesas redondas que se desenvolverán os días 23 e 24 de outubro.

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá os días 23 e 24 de outubro as V Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero e Problemáticas Asociadas, organizadas por Alar Galicia coa colaboración da Administración autonómica.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participaron na presentación xunto co director de Alar, Fernando González Truque.

Profesionais de distintos campos ofrecerán a súa visión nas diferentes charlas e mesas redondas programadas para os dous días. Analizaranse aspectos da violencia de xénero relacionados co contexto social, os procesos xudiciais, a influencia destas situacións nos menores de idade e problemáticas asociadas como o suicidio.

Entre os relatores figura a traballadora social de Alar Ángela Rodríguez; o delegado de Participación Cidadá na Comisaría Provincial de Lugo, Rubén Darío Veiga; o xuíz de menores Emilio Calatayud ou o fiscal Ángel Arjona. Tamén intervirán catedráticos de Psicoloxía e psicólogos forenses, así como Roberto Barba.

Durante a presentación, tanto Arias como Barba defenderon a necesidade de potenciar ao máximo o traballo conxunto entre todas as institucións para seguir loitando contra a violencia de xénero e para poñer os máximos recursos á disposición das vítimas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario