A Deputación de Ourense, a través da empresa mixta AquaOurense, inicia en Valdeorras o proxecto “OU-Intelixente” cun primeiro investimento de 3,3 millóns de euros

por Redacción Ourense

Os municipios de A Rúa, A Veiga, O Barco, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín serán os primeiros dos 81 concellos da provincia en beneficiarse da instalación de telecontadores e a dixitalización dos sistemas de abastecemento e depuración.

A delegación da Deputación de Ourense en Valdeorras, na Casa Grande de Viloira, acolleu esta mañá un acto informativo do proxecto “OU-intelixente”, presentado pola Deputación a través da empresa mixta AquaOurense (formada pola propia institución provincial e Viaqua), no que participaron o presidente provincial, Luis Menor, xunto co director da Área de Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe, así como Víctor Comesaña, xerente de AquaOurense, e Nicolás Esmorís, director de Viaqua.

Á cita acudiron representantes municipais de A Rúa, A Veiga, O Barco, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín, municipios que serán os primeiros dos 81 concellos da provincia en beneficiarse da instalación de telecontadores e a dixitalización dos sistemas de abastecemento e depuración

No acto quedou de manifesto que “OU-intelixente” converteuse na segunda mellor proposta de España e a primeira de Galicia para dixitalizar a xestión do ciclo da auga, o que suporá contar con 7,75 millóns de euros para aplicar as últimas tecnoloxías ao tratamento e control dun recurso básico e estratéxico como é a auga.

A Deputación destina a este proxecto 5,73 millóns de euros, asumindo así o 42,52% do financiamento total, mentres que do resto do investimento farase cargo o Ministerio para a Transición Ecolóxica do Reto Demográfico (MITECO), dentro da primeira convocatoria específica dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga.

Antes os representantes municipais e membros do Consorcio de Augas de Valdeorras (A Rúa, A Veiga, O Barco, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras), expuxéronse datos específicos sobre os traballos a realizar, que nesta caso alcanzarán preto de 3,3 millóns de euros. O proxecto inclúe subministración e instalación de 16.130 contadores domiciliarios con telelectura, que permitirán unha planificación e control máis exactos e, como consecuencia, un mellor servizo. 

Outro apartado deste proxecto é a dixitalización das instalacións de depuración, mediante equipos que permitan controlar en todo momento a cantidade e calidade dos vertidos. Este mesmo proceso realizarase para dixitalizar as instalacións e funcionamento do abastecemento de auga potable, así como redes de distribución do Consorcio de Valdeorras. 

Exemplo de colaboración

Na explicación do proxecto “Ou-Intelixente” quedou de manifesto que se trata dun exemplo de colaboración cos concellos, pois as infraestruturas que se van beneficiar do proxecto son de titularidade municipal, unha característica que diferenciou a proposta ourensá do resto de candidaturas. 

Luis Menor felicitou aos concellos valdeorreses por ser os primeiros en ter a oportunidade de coñecer os beneficios deste proxecto, ratificando a liña de “máxima cooperación” cos pequenos concellos, poñendo á súa disposición infraestruturas punteiras en tecnoloxía que lles resultaría imposible acadar con fondos propios, sen deixar de citar as vantaxes das que poderá desfrutar a propia veciñanza no control dos seus propios consumos.

No tocante ao fin deste proxecto, o presidente provincial salientou comoirrenunciable “acadar unha xestión eficiente baseada en dúas claves: os datos e a formación”. Cos datos conseguiremos unha diagnose correcta dos servizos e coa formación acadaremos a mellor xestión e prestación do servizo. Con este esforzo da Deputación, os pequenos concellos adheridos non terán que gastar os seus recursos en dar un mellor servizo aos habitantes para xestionar un recurso básico como é a auga”.

Obxectivos estratéxicos

Os técnicos explicaron polo miúdo as características deste proxecto para dixitalizar o ciclo da auga nos municipios da provincia, con especial detalle nos nove concellos da comarca de Valdeorras. Citaron como obxectivos estratéxicos os seguintes: a automatización do ciclo da auga coa implantación da telelectura e telecontrol; a creación dun centro dixital para a xestión integral da operativa da auga; dotar aos concellos do rural de ferramentas dixitais; e a implantación dun hub tecnolóxico onde integrar datos e realizar predicións grazas ao Big Data e Intelixencia Artificial, converténdoo nun lugar aberto á cidadanía e un espazo de co-creación co ecosistema emprendedor da provincia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario