Suman máis de 200 prazas no marco do plan formativo da Academia Galega de Seguridade Pública para o segundo semestre de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de cinco cursos de formación continua para persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). O conxunto de accións formativas oferta máis de 200 prazas e realizarase ao longo dos meses de outubro e novembro, de xeito descentralizado para facilitar a asistencia.
Así, haberá cursos semipresenciais de condución de vehículos todoterreo no concello de Culleredo e no de Toén, con 20 prazas cada un deles e 40 horas lectivas. A maiores, impartiranse cursos presenciais de desfibrilación externa semiautomática na Pobra do Caramiñal, Ribeira de Piquín, Vilalba, Palas de Rei, Ribadavia e Pontevedra. Todos eles ofertan 24 prazas e 5 horas lectivas. Pola súa banda, Vila de Cruces acollerá un curso básico de motoserras con 20 prazas e 16 horas lectivas.
O prazo de inscrición ábrese hoxe e prolóngase ata o 7 de outubro. Deberá facerse a través do formulario habilitado na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).
A convocatoria súmase á de cursos básicos publicada hai dúas semanas, con cinco accións formativas e 155 prazas, cuxo prazo de inscrición finalizou onte.
Intervención en emerxencias
Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dun curso sobre intervención en emerxencias para os concellos con Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES). Ofértanse 25 prazas e 70 horas lectivas de carácter semipresencial. Os contidos previstos abranguen os primeiros auxilios, actuacións en caso de accidente de tráfico, extinción de incendios urbanos e industriais, e intervención en incendios forestais.
As datas de desenvolvemento van do 14 de outubro ao 20 de novembro. Os concellos que conten con GES teñen de prazo para inscribir este persoal desde mañá ata o 7 de outubro, enviándolle ao correo electrónico da Agasp a documentación requirida nas bases.
Centro formativo de referencia
Trátase de actividades enmarcadas no plan de formación continua da Agasp deste ano no eido das emerxencias, que inclúe 41 cursos cun milleiro de prazas. A maiores ofértanse accións formativas dirixidas ao persoal dos corpos e forzas de seguridade e xornadas de interese xeral.
A Agasp é o centro de referencia na formación tanto das forzas e corpos de seguridade en Galicia como dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do traballo diario destes profesionais e voluntarios, co obxectivo de garantir a seguridade da poboación. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.