Traballarase nunha superficie duns 800 metros cadrados, creando unha zona «onde poder sentirse a gusto para lembrar a animais aos que moitas veciñas e veciños gardan un enorme afecto».
A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, anunciou que o Goberno de Lugo vén de adxudicar o contrato para construír un cemiterio destinado a mascotas e animais de compañía na contorna do actual cemiterio municipal, nunha parcela anexa duns 800 metros cadrados de extensión. A edil de Participación declarou que «levamos meses traballando neste servizo, o que nos permitirá atender a unha proposta que a veciñanza leva tempo reclamando». Trátase do primeiro cemiterio público de mascotas que se instalará en Galicia.
O novo espazo será pechado perimetralmente, e a zona interior será axardinada e contará con bancos e elementos que permitan crear un espazo íntimo para a lembranza dos animais falecidos. O novo cemiterio
terá espazos para gardar as furnas dos animais incinerados, xunto cunha zona para gardar a chapa ou a cadea do animal. O Goberno de Lugo investirá 141.570€ nesta actuación, que se realizará priorizando o uso de materiais naturais e usará deseños respectuosos coa contorna, e contará cunha capacidade inicial de 320 mascotas en columbarios individuais para furnas, xunto cun espazo onde depositar cinzas. O novo cemiterio de mascotas contará con zonas de sombra ao plantar 19 árbores en toda a contorna, e contará con bancos, mentres que os espazos de paseo da contorna estarán decorados con pegadas de animais feitas en formigón.
Cristina López destacou o traballo realizado nos últimos anos para mellorar o Cemiterio Municipal. «Neste tempo realizamos a primeira ampliación do cemiterio desde o 2006 e melloramos espazos tanto na zona
antiga como na nova», explicou Cristina López, que engadiu «seguimos a planificar traballo para mellorar o Cemiterio Municipal, atendendo tamén ás solicitudes que nos fai chegar a veciñanza».