O Concello, a través da empresa pública Emalcsa, traballa xa estes días no mantemento do depósito elevado de augas de Eirís, unha intervención clave para reforzar a súa seguridade estrutural. Esta medida lévase a cabo periodicamente tras as inspeccións que se executan no propio depósito.
As inspeccións da rede de distribución son habituais e dan unha imaxe real das necesidades en termos de mantemento preditivo e correctivo, co obxectivo de arranxar deficiencias puntuais e tamén as que poidan afectarlle de forma xeralizada ás estruturas, ben pola erosión dos materiais ou pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas.
No caso da Coruña, as avaliacións de Emalcsa tiveron lugar nos depósitos elevados de Eirís e tamén da Vixía, onde se investirá, entre os dous, case medio millón de euros para acometer melloras que reforcen as súas estruturas. Os traballos en Eirís, onde xa se instalaron as estadas necesarias arredor da base do depósito, xa están en marcha. No caso do depósito da Vixía, a previsión do Concello é que as obras se executen na primavera de 2025, con mellores condicións climatolóxicas que as previstas no inverno.
Tanto o depósito elevado de augas de Eirís como o da Vixía son dous elementos singulares da rede de abastecemento municipal, e fundamentais para o idóneo funcionamento do sistema de distribución, que posibilita a subministración de auga potable á cidadanía.