O Concello da Coruña ampliará a superficie do parque municipal de bombeiros coa adquisición dunha parcela lindeira

por Redacción A Coruña

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto da ordenanza fiscal reguladora das contribucións especiais para a ampliación do servizo de extinción de incendios.

Esta mañá, no Palacio Municipal de María Pita tivo lugar unha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se deu luz verde ao proxecto da ordenanza fiscal reguladora das contribucións especiais para ampliar o servizo de extinción de incendios, que neste exercicio anual inclúe unha partida de 1.274.532 euros, con vistas a mellorar os equipamentos do equipo de profesionais do parque municipal de Bombeiros.

Desta forma, o Goberno de Inés Rey ten previsto acometer a adquisición dunha parcela lindeira ao parque municipal de Bombeiros, en Agrela, «o que permitirá incrementar a superficie dispoñible para posibilitar que, de cara ao futuro, o parque se adapte e amplíe en base ás necesidades que poidan xurdir», apuntou hoxe a alcaldesa. Para isto, estipúlase un orzamento de 431.000 euros, dos que 388.000 veñen derivados da partida das contribucións especiais.

A maiores, tamén se levarán a cabo investimentos para reforzar a frota marítima dos Bombeiros da Coruña. Se actualmente, o servizo conta cunha embarcación e dúas motos de auga para afrontar situacións de emerxencia coma os rescates de persoas no mar, agora está previsto incorporar unha nova moto acuática. Tamén se adquirirá unha autoescada e un vehículo lixeiro para o transporte de persoal. Todo isto suporá un investimento de 624.000 euros.

Por outra banda, destinaranse 360.591 euros á adquisición dun vehículo de descontaminación con equipamento.

Luz verde á licitación da segunda fase de melloras na Fundación Luís Seoane

Ademais, tamén na Xunta de Goberno Local desta mañá aprobouse a saída a concurso da segunda fase das obras de reparación, reposición da climatización e illamento da Fundación Luís Seoane, unha medida necesaria para solventar os problemas de filtracións existentes no inmoble desde hai máis dunha década.

Tal e como se informou onte desde as canles oficiais de comunicación do Concello, o investimento previsto nesta segunda fase da renovación do sistema de climatización da Fundación Luís Seoane é de 445.954 euros, importe que se sumará aos case 800.000 euros que se destinaron á primeira parte da intervención, executada en anos anteriores. Desta forma, o Concello completará a actuación cun investimento total de máis dun millón de euros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario