Un milleiro de participantes quenta motores para a XI 15K do Atlántico

por Redacción Deportes

A proba celebrarase este domingo 29 de setembro e terá un fin solidario a favor da Asociación contra o cancro de páncreas

A 15K do Atlántico Banco Mediolanum quenta motores para a carreira que se celebrará este domingo 29 de setembro, unha proba que chega xa á súa undécima edición con preto de 1.000 participantes e cun claro fin solidario a favor da Asociación Contra o Cancro de Páncreas (Acanapan), cumprindo a última vontade de Dani Domínguez, xermolo de Un sorriso que ilumine o mundo. 

O concelleiro de Deportes do Rosal, José Carlos Martínez Crespo, destacou a importancia deste evento para a comarca que tamén permite reivindicar “que no Rosal, aínda que moita xente non o saiba, tamén temos mar. O impresionante miradoiro de Portecelo será, de feito, o punto de saída da proba máis corta da 15K do Atlántico”. Martínez Crespo, que o ano pasado xa participou na andaina, prometeu repetir este ano e achegar o seu gran de area. 

A carreira volve realizar un ano máis o mesmo percorrido unindo O Rosal, Oia e A Guarda por un trazado incomparable como é o Camiño de Santiago pola Costa. O evento contará con tres opcións para as e os participantes: as tradicionais 15K ou a Mini 15K de 7,5 quilómetros que vai dende Portecelo ata A Guarda e a andaina de 15 quilómetros. 

En caso de non poder participar na proba e querer colaborar co carácter solidario da 15K, as persoas interesadas poderán adquirir a camiseta conmemorativa do evento. A recadación íntegra doarase a Acanapan.

O concelleiro anima a todas as persoas a participar e a facerse cos últimos dorsais para a proba, que se atopan dispoñibles ata hoxe mércores 25 de setembro na web https://bancomediolanum15kseries.com/.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario