A Xunta convida a coñecer o patrimonio xacobeo desde mañá nas cidades e vilas do Camiño de Santiago

por Redacción Galicia

Con motivo da presidencia este ano da Federación Europea do Camiño de Santiago, Turismo de Galicia organiza visitas guiadas este venres 27 e o sábado 28.

A Xunta de Galicia, na súa condición de institución que preside durante este ano a Federación Europea do Camiño de Santiago, organiza durante este venres 27 e sábado 28 unha serie de actividades conmemorativas nas principais cidades das distintas rutas do Camiño de Santiago e abrirá parte das igrexas da ruta para compartir coa sociedade o patrimonio vencellado á ruta xacobea con motivo do Día Europeo do Patrimonio.

No caso das visitas guiadas, serán percorridos polas principais cidades das distintas rutas do Camiño de Santiago, concretamente, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui. O horario será o venres 27 de 17,30 horas e o sábado de 11,30 horas horas e de 17,30 horas nas seis cidades. Os interesados en visitar A Coruña poderán apreciar o principal porto histórico xacobeo que leva recibindo desde o século XIV peregrinos europeos, sobre todo británicos. A ruta pola denominada Cidade Vella inclúe os restos da muralla da cidade, coa porta de entrada dos peregrinos, a igrexa de Santiago e a colexiata de Santa María. O punto de encontro será o Paseo Alcalde Francisco Vázquez, diante do Castelo de San Antón.

No caso de Ferrol, os interesados en coñecer o seu patrimonio poderán descubrir o conxunto monumental froito da Ilustración, cunha trama urbana trazada en cuadrícula en relación co porto militar e os estaleiros borbónicos. Ademais, coñecerán o carácter señorial do porto de Ferrol que xa no séculos XVI e XVII recibía naves mercantes internacionais. A ruta urbana iniciarase neste porto, lembrando as orixes medievais da cidade.

En Lugo, a ruta proposta dará a coñecer como o Camiño Primitivo iniciado en Oviedo continúa cara ao burgo apostólico pasando por Lucus Augusti, a capital setentrional da Gallaecia romana, unha das provincias hispanas en época baixoimperial. A visita a Lugo terá en conta o trazado da ruta de peregrinación pola cidade histórica. O punto de encontro será a Porta de San Pedro-Ronda da Muralla.

Ourense contribuirá a celebrar os Días de Patrimonio Cultural amosándose coma un do centros urbanos do denominado Camiño Mozárabe. O percorrido desenvolverase pola zona histórica ata a catedral de San Martiño, para visitar o Pórtico do Paraíso, xoia da escultura gótica europea, e coñecer o resto de tesouros deste templo medieval. A ruta comezará na praza das Burgas.

En Tui, os visitantes evocarán o paso dos peregrinos do Camiño Portugués e a vida na cidade medieval, con especial énfase na xudería tudense. Únense deste xeito dous patrimonios culturais europeos, o xudeu e o xacobeo. Templos, conventos, rúas, prazas e muralla conformarán o resto desta ruta monumental por unha das cidades históricas máis fermosas de Galicia. O punto de encontro será a praza de San Fernando.

Finalmente, en Santiago de Compostela os visitantes congregaranse na Igrexa de San Domingos de Bonaval para comezar un percorrido moi particular polo centro histórico de Santiago inspirado nas cantigas medievais vinculadas coa cidade e o camiño de peregrinación. Os Días de Patrimonio Cultural celebraranse en Compostela cun repenique de campás o sábado 28 de setembro, de 11,00 h. a 11:30 h. Todas estas rutas urbanas teñen un aforo limitado polo que é preciso inscribirse no correo cultura.xacobeo@xunta.gal

Repenique de campás e apertura de igrexas

Ademais, o sábado 28 de setembro ás 11,30 horas se celebrará en Santiago de Compostela un repenique xeral de campás, coa colaboración da Catedral de Santiago, o Arzobispado compostelano e a Asociación de Campaneiros. Tocarán ao unísono as campás da cidade histórica e dalgúns dos máis significativos mosteiros, conventos e igrexas parroquiais.

No marco desta celebración, abrirán as súas portas varias igrexas situadas en camiños de Santiago que habitualmente están pechadas ao público salvo nas horas de oficios relixiosos. Así, no Camiño Francés, os peregrinos e visitantes poderán gozar do patrimonio das Igrexas de Santa María a Real de Pedrafita do Cebreiro, Santa Mariña de Sarria, San Nicolás e Santa María de Castromaior de Portomarín  e Santiago de Ligonde de Monterroso.

No Camiño Primitivo, permanecerán abertos ao público os templos de Santa María da Fonsagrada, Santo Tomei de Souto de Torres de Castroverde; Santa María de Bascuas, San Lázaro da Ponche e Santa Eulalia de Bóveda, todas elas en Lugo e San Salvador de Merlán, en Palas de Rei.

As igrexas do Camiño Norte que tamén conmemorarán os Días do Patrimonio Europeo son San Paio de Seixón e Santiago de Miraz de Friol, mentres que no Camiño de Inverno serán as de San Miguel de Montefurado de Quiroga; San Clodio de Ribas de Sil; San Pedro de Cereixa da Pobra do Brollón; San Salvador de Moreda de Monforte de Lemos e San Xiao de Pedroso de Rodeiro. O templo do Camiño Mozárabe ou Vía da Prata e  Salvador do Castro de Dozón.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario