A Xunta pon a punto o sistema de iluminación da Muralla de Lugo

por Redacción Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que se actuará sobre as luminarias, a instalación e os cadros de protección eléctricos, deteriorados polo uso ou por actos vandálicos

A Xunta de Galicia acometerá nas vindeiras semanas os traballos de reparación e mellora das instalacións de electricidade e iluminación da Muralla de Lugo, actuando sobre os elementos que se atopan deteriorados debido ao seu uso ou como consecuencia de actos vandálicos.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de adxudicar o contrato para proceder á posta a punto do conxunto da iluminación cun investimento de 48.200 euros.

No que respecta ás luminarias, vanse repoñer os cristais que están rotos, que se concentran especialmente no tramo entre a Catedral e a porta de San Pedro; tamén se substituirán parafusos en mal estado por outros de aceiro inoxidable e revisaranse as ancoraxes ao muro do adarve.

A iluminación do adarve está protexida por catro cadros de protección, mando, medida e manobra situados nas portas de Bispo Odoario, Bispo Aguirre, A Estación e San Fernando; todos foron forzados por persoas alleas á instalación, sen posibilidade de reparación completa, polo que para maior seguridade substituiranse os módulos illantes por outros modelos actuais.

No que atinxe á rede eléctrica que parte destes cadros e discorre ata as luminarias mediante canalizacións illantes subterráneas, perforacións puntuais do illamento debidas ao paso do tempo inflúen no bo funcionamento do sistema, polo que se repararán ou substituirán todos os elementos que compoñen as caixas de conexións e os condutores onde as medicións sexan defectuosas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario