Os socialistas galegos celebraron hoxe en Vigo a segunda das xornadas do ciclo Diálogos con Raíz, centrada nesta ocasión na Economía en Galicia. En declaracións aos medios tras a clausura, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro alertou do lastre que significa para a economía galega a xestión “indolente” do Goberno de Rueda, evidenciada no último informe do Consello de Contas. Nel cuantifícase en menos dun 50 % o nivel de execución dos fondos europeos “que o Goberno de España conseguiu atraer para Galicia”. Dun total de 1.200 millóns de euros, o equipo de Rueda “non logrou transferir nin 600 ás empresas e ao tecido económico par impulsar avances”, censurou sobre o dato do 2022, último analizado ata agora.
Fronte a esa realidade, a economía española está neste momento ofrecendo datos “que invitan moito ao optimismo”. Ao elevado crecemento únese a baixada da inflación e a creación de emprego, unha dinámica da que se está aproveitando Galicia, pero faino con retraso porque as políticas da Xunta impiden que teña “un pulo propio” e que sexa capaz de acompañar o ritmo do resto do Estado. “A situación mellora levemente, pero estariamos en condicións de facelo moito mellor se existise unha política favorecedora”, describiu Besteiro.
Por eses motivos, sinalou o secretario xeral socialista, “a Rueda hai tempo que non lle gusta falar de economía. Está centrado nas cousas que lles interesan a Feijoo e ao PP de Madrid”.
Besteiro estivo acompañado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, que asegurou que o proxecto do PSdeG ten outra forma de entender a economía, centrada “en xerar emprego e que a actividade produtiva estea ao servizo das persoas”. Fronte a “unha Xunta anquilosada”, cunha visión “de hai 25 anos”, o rexedor dixo que “Besteiro entende moi ben a economía de Galicia”, como unha mestura “de singularidades de cada cidade e cada municipio”.
Durante a súa intervención para pechar o foro, José Ramón Gómez Besteiro púxolles cifras ás súas afirmacións. No 2023, o crecemento do PIB en España situouse nun 2,7 %, mentres que o de Galicia quedou moi atrás, tan só nun 1,8 %. A comunidade tampouco sae beneficiada na comparativa da inflación, xa que é a única que se mantén por enriba do 3 %, cando a media se sitúa en menos da metade.
En termos de creación de empresas, o último dato dispoñible no Instituto Galego de Estatística (2022) indica que Galicia perdeu 11.000 empresas mentres no conxunto do Estado se rexistraba un saldo positivo.
Por outra banda, é certo que Galicia crea emprego nun contexto altamente favorable, pero mentres en España o ano pasado o volume de empregados medraba un 4 %, “con cifras récord”, os galegos e as galegas sofren a taxa de actividade máis baixa de todo o país cun 53,1 % e moi lonxe da media española, que está no 59 %.
Tal como se puxo de manifesto durante a xornada, o problema afecta especialmente ás mulleres e á mocidade. Varios dos relatores e relatoras sinalaron que o mercado laboral feminino segue a ter peores condicións que o masculino, un feito que provoca unha gran perda de talento. Apuntaron tamén que o Goberno galego non está cumprir coa súa obriga de adoitar medidas para reverter esa situación. Así, en Galicia a temporalidade segue a ter rostro de muller, xa que son elas as que copan o 73 % dos contratos a tempo parcial. Mentres, a xente nova tampouco dispón de mellores condicións laborais.
Besteiro dixo que, nese contexto, “é triste que os gobernos de Feijoo e Rueda deixaran sen executar dende o 2009 un de cada tres euros orzamentados para políticas de emprego.
O líder socialista atribuíu o problema, en boa medida, á “inercia e o conformismo” do Partido Popular, unha estratexia que pode parecer efectiva “en situacións puntuais, disimulando datos e en períodos de baixa actividade”, máis non resulta útil “nun contexto altamente cambiante coma o que vivimos”.
Fronte a este estado de cousas, José Ramón Gómez Besteiro defendeu unha política insustrial “con pulo”, comezando por unha “fonda revisión e actualización” do IGAPE, co fin de convertelo “nunha verdadeira panca de movemento e impulso do emprendemento e a consolidación empresarial”, ao contrario do que é agora, un organismo que “deixa sen executar cada ano un terzo dos seus fondos”.
A esa proposta, uniu a de equiparar o investimento en ciencia á media estatal, é dicir, pasar dos actuais 250 euros por habitante a 407. E ao tempo, sinalou como outro obxectivo o compromiso de executar os fondos dispoñibles (“agora, os europeos”) tanto para o impulso económico como para as políticas activas de emprego.