Pese a perder en Culleredo, os betanceiros pelexarán polo primeiro título da temporada
Era o terceiro partido de Copa Galicia para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos, logo de dúas vitorias, e se cadra por estar matematicamente clasificados para a fase final do torneo, os betanceiros xogaron un dos partidos con menos tensión en pista dos últimos meses e perderon merecidamente en Culleredo o seu partido do sábado por máis de vinte puntos de diferenza (86-64). Foi un partido accidentado (con canastras en lamentables condicións e marcadores electrónicos que deixaron de funcionar aos poucos minutos de partido, algo imperdoable para a competición) pero iso non é escusa para un dos peores partidos do Santo do último ano.
Só Abelleira, Dani Martín e Sanjurjo parecían ter gana de xogar o partido (irrelevante, si, pero un partido de competición na fin de contas) e cando Ernest e Brezo conseguiron sumarse á anotación, xa estaba todo o peixe vendido. Malia todo, os espectadores betanceiros que se achegaron a Culleredo (máis de medio cento) puideron ver un partido relativamente igualado ata a parte final do terceiro cuarto, no que, á falta, de 3.41, os de Doc estaban 50-46 abaixo grazas a unha tripla de Abelleira. A partir de aí… Quen mellor resume o que sucedeu é o propio adestrador do Santo: “Non tivemos o nivel competitivo nin a intensidade que pedía o partido, eles superáronos en ambos os dous aspectos, e a partir de mediados do terceiro cuarto foron abrindo brecha. É pretemporada e , aínda que é asumible, serve de aviso para a liga”.
Fose como for, os de Betanzos disputarán o primeiro título da 24/25. O rival, todo un clásico na competición: o Chantada de Fafián.
Desiguais resultados na estrea dos infantís
Polo demais, a estrea dos infantís trouxo resultados dispares: se os J. Caamaño Arquitecto Santo Domingo de Primeira vencían con contundencia a Traumacor Culleredo por 93-42 e as feminino facían o propio por 54-4 a Básquet Coruña-Montespiño, os infantil masculino de Segunda caían no Carregal por 30- 78 fronte a Montrove. As cadetes perderon en Culleredo e os júnior (masculino e feminino) non tiveron demasiadas contemplacións contra Golfiños Sada e Os Rosales (78-103 e 71-48).
PUBLICIDADE