O senador José Manuel Balseiro será o encargado de defender esta iniciativa o vindeiro martes na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible da Cámara Alta
José Manuel Balseiro defenderá o vindeiro martes unha iniciativa dos senadores do PP da provincia para reclamar ao Goberno de Sánchez garantir que a cidade de Lugo acceda ao AVE e á intermodalidade “en igualdade de condicións que o resto do territorio” porque “non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco queremos ser menos”. E incide en que “para a chegada do AVE é imprescindible a execución das variantes ferroviarias de Os Peares-Canabal e Rubián, previstas polo Goberno do PP e que Sánchez rexeitou condenando a Lugo a quedar sen AVE”.
A proposta que os populares levan á Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Senado inclúe tamén a petición para o restablecemento e reforzo dos servizos ferroviarios -recuperando as frecuencias suprimidas pola pandemia e as conexións de Lugo con Cataluña, o País Vasco e Madrid- de forma que “respondan ás necesidades reais da cidadanía”.
Nese sentido, os populares reclaman tamén o incremento de prazas nas conexións con maior demanda e investimentos para garantir un servizo moderno e de calidade; prestando especial atención aos corredores Coruña-Lugo-Monforte e Vigo-Ourense-Monforte.
Balseiro advirte a “discriminación en materia de infraestruturas ferroviarias na provincia de Lugo”; á vista de que “a capital é a única cidade galega sen enlace directo con Santiago e, ademais, queda sen conexión co AVE”. Nese sentido, afea ao Goberno socialista do Estado que “pretenda converternos en cidadáns de segunda en materia ferroviaria en comparación co resto de Galicia”.
Os senadores reivindican o dereito á mobilidade dos lucenses e galegos, tanto no interior da comunidade coma co resto de España, fronte ao Goberno de Sánchez que segue recortando servizos e se nega a ampliar a oferta de prazas dispoñibles para adaptarse á demanda e a mellorar a rede, as instalacións e os trens.
PERDA DE SERVIZOS E CONEXIÓNS
Balseiro pon como exemplo da perda de servizos e conexións a redución de tren que saen a diario da cidade de Lugo -dos 15 no ano 2001 aos 6 da actualidade-, a perda da conexión directa co País Vasco e Cataluña ou a redución das frecuencias con Madrid -de 4 a 3 diarias-.