Os deputados do PPdeG no Congreso esixen a implicación do Goberno central para que Europa adapte as capturas ás necesidades do sector pesqueiro galego

por Redacción Galicia

Presentarán unha iniciativa co fin de que se corrixa o agravio que están a supoñer as decisións comunitarias en materia de cotas, e que foron apoiadas erroneamente polo Executivo estatal

Os deputados galegos no Congreso, encabezados polo voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Miguel Tellado, esixen a implicación do Goberno central para que Europa adapte os Totais Admisibles de Capturas (TAC) ás necesidades do sector pesqueiro galego.

Así o abordaron nunha reunión de traballo co responsable de Mar do Executivo autonómico, Alfonso Villares, e na que acordaron presentar unha proposición non de lei, co fin de apoiar aos profesionais da pesca, e corrixir así o agravio que supón para este colectivo a decisión adoptada a finais de 2023 polo Consello de Ministros de Pesca da UE, relativa ás cotas para este ano en augas comunitarias, e que contou co apoio público do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.

Deste xeito, os populares elevan á Cámara Baixa unha demanda advertida nos últimos meses por parte do departamento que dirixe Villares, e que é refrendada polo Tribunal de Xustiza da UE cunha sentenza sobre o proceso xudicial iniciado polas oenegués ClientEarth e Friends of the Irish Environment contra a UE por fixar topes insostibles por riba da recomendación científica a partir de 2020; sentenza que din, «demostra que a negociación española —pois non podemos esquecer as xestións con Europa lle corresponden ao Ministerio— non só foi insatisfactoria, senón que, tal e como acontecera anteriormente, non supuxo avances fronte á proposta inicial presentada pola Comisión Europea».

RESTRICIÓNS DA FROTA GALEGA

Ao abeiro dos feitos, e recollendo a preocupación do responsable autonómico, os representantes galegos no Congreso agardan que Luis Planas amose desta volta unha maior sensibilidade e aproveite a oportunidade esperanzadora que supón para o sector o nomeamento dun Comisario europeo específico de Pesca para proporcionar mellores opcións aos barcos galegos e reverter con iso algunhas das caídas que máis determinantes. É o caso das rexistradas no linguado, o merlán e a solla que, con cotas plurianuais, acabaron situándose nunha baixada entre o 17 e o 35%. Un linguado que se recortou, ademais, un 60% en augas do Gran Sol.

Outro aspecto que está a xerar unha profunda intranquilidade na frota é o descenso no abadexo, cuxa cota establecida a tres anos vista baixa un 53%. Tamén se limitan as capturas para a pesca recreativa a dous exemplares por día e se estableceu un peche completo ata o mes de abril para esta modalidade. Tampouco foron boas as noticias para a cigala na unidade funcional que corresponde a Galicia, do mesmo xeito que na anguía non houbo melloras a pesar da boa xestión que se fai desde a comunidade autónoma, mantendo a veda para o conxunto da UE en 6 meses.

En canto ao xurelo, a pesar de medrar un 5% a posibilidade de pesca de Fisterra ata o Golfo de Cádiz, mantense en cambio a restrición en todo o norte de Galicia e conxunto do Cantábrico que so faculta as capturas accesorias desta importantísima especie para a frota galega, e en especial a de cerco. Os informes presentados pola Xunta, que testemuñan un impacto económico nesta actividade de 11 millóns de euros, non serviron para que se atendese a petición de realizar un análise por zonas da situación do recurso para permitir abrir a pesqueira nalgunhas destas áreas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario