Dende a ANPA CEP Xosé María Brea Segade facémonos eco do comunicado emitido o domingo, 29 de setembro, pola dirección do centro no que se describe a SITUACIÓN REAL que vive o alumnado e o persoal docente do colexio. Do mesmo xeito, amosamos o noso absoluto rexeitamento e indignación ao coñecer que dende a Consellería de Educación se está respondendo ás nosas demandas nos medios cun SESGO que pretende levar á opinión pública ao equívoco de pensar que as necesidades do alumnado do CEP Xosé María Brea Segade están sobradamente cubertas, cando iso é ROTUNDAMENTE FALSO.
Declara o Conselleiro de Educación que, pese a que se reduce a matrícula en dous centros de Rianxo (xerando confusión), aumentaron profesorado e especialistas de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe: no CEP Xosé María Brea Segade, a pesar de que a matrícula MEDROU nos últimos cursos ata situarse nos 115 alumnos/as actuais, non incrementou en consecuencia o profesorado titor nin especialista (lembramos que a Orientadora e a mestra de AL seguen sendo compartidas). Con 25 alumnos/as máis ca no curso 2018/2019, e segundo informa o director do colexio, corresponderíanos un titor máis. Ademais, de acordo coa Resolución do 10 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (que os centros si están obrigados a cumprir) reduciuse o horario lectivo do persoal docente a 23 horas, o cal supón no noso caso unha redución de 22 horas lectivas en total (2 horas menos por 11 mestres), ou o equivalente a ter UN MESTRE MENOS CUNHA MATRÍCULA MAIOR.
Declara o Conselleiro de Educación que o centro ten todo o profesorado cuberto e nada que reclamar, aportando dende a consellería o dato erróneo de que a media de alumnos/as por profesor no Brea Segade é de 8,3. Esta manobra ten como fin único inducir ao erro de pensar que as nosas necesidades están sobradamente cubertas, cando non é así: tal como indica o director do centro, a media debe calcularse en función dos titores/as que imparten clase durante a práctica totalidade da xornada lectiva diaria e dos grupos que se poden formar (6 titores para 115 alumnos/as), polo que a media real é de 19,16 por titoría (sen contemplar nela aos nenos/as ponderados/as nin ao alumnado non ponderado con necesidades educativas REAIS).
Declara o Conselleiro de Educación que a cifra de 27 alumnos/as na unidade de terceiro de primaria non é real, senón ponderada, xa que escolares con necesidades especiais computan dobre ou triplo: o certo é que nesa unidade se contabilizan 26 “cabezas” (unidade empregada “informalmente” polo persoal da consellería para o reconto dos nosos fillos), das cales unha conta dobre segundo o punto 2.4 desa Resolución que, pola súa parte, non están cumprindo e que determina as NECESIDADES REAIS desa persoa ponderada. Por suposto, non entran nesa cifra os outros 9 nenos/as desa unidade (case un 40%, agora que son 26) con Necesidades Educativas Especiais e Necesidades Específicas de Apoio Educativo (tamén REAIS) e que só contan para as familias e para o profesorado do centro, circunstancia que a consellería IGNORA DELIBERADAMENTE por non ter, ao seu parecer, repercusións no axeitado desenrolo e atención do alumnado.
Por todos estes motivos, a realidade é, señor conselleiro, que non recoñecer a nova unidade de terceiro de primaria, creada a nivel interno polo director para prestar a debida atención a TODO o alumnado desa aula e á conta de sacrificar boa parte das horas de dirección e coordinación do centro, así como o ensino de informática e o desenrolo de proxectos educativos pioneiros como Sintaxe ou Máis ca Leña, é un ditame que RAIA NO INMORAL. Deixe de buscar pretextos e dote ao centro do persoal que necesita.