Rueda subliña a responsabilidade de Galicia para garantir un futuro sustentable e competitivo no sector mar-industria

por Redacción Galicia

Insiste na necesidade de que se inclúan os produtos do mar na rebaixa do IVE aos alimentos básicos da compra.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia do sector mar-industria en Galicia e comprometeu o traballo e responsabilidade da Administración autonómica para garantir a súa sustentabilidade e competitividade no futuro. Así o apuntou durante a inauguración da 25 Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, onde asegurou que “a industria á que representa Conxemar contribúe a crear riqueza e emprego, a que Galicia sexa máis innovadora e máis competitiva e, en definitiva, a unha Galicia Calidade que nos identifica no exterior”.

No acto, no cal estivo acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, salientou o feito de que este evento non deixe de medrar que atraia cada ano a máis empresas, situando a “Vigo como capital da industria pesqueira do conxelado a nivel mundial”.

Neste sentido, e facendo referencia ao lema escollido este ano para a feira –Responsabilidade para o futuro–, o titular do Executivo galego insistiu unha vez máis na necesidade de que o Goberno central inclúa os produtos de mar na rebaixa do IVE aos alimentos básicos da cesta da compra.

Así mesmo, apelou tamén a necesidade de seguir ofrecendo axudas á súa competitividade, para o que defendeu que se debería convocar un PERTE realmente adaptado á relevancia e necesidades da cadea mar-industria, así como afrontar o debate para a implantación da enerxía eólica offshore, “favorecendo os intereses de todos, que poden ser compatibles: os da nosa pesca por suposto, marca de identidade de Galicia, pero tamén do desenvolvemento económico e das oportunidades para a nosa terra”, asegurou.

Na súa intervención, tamén eloxiou a potencia do sector pesqueiro e transformador en Galicia, que foi quen de converterse en todo un referente combinando o seu carácter tradicional coa aposta pola modernización e a internacionalización.

Por último, agradeceu o traballo de todos os expositores, participantes e organizadores da feira, na que en cada edición participan máis países e más persoas, coa previsión de superar este ano aos 26.000 visitantes da edición anterior.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario