La Ciencia es Femenino realizou onte un especial dende o Pazo Municipal de María Pita entrevistando a múltiples alcaldesas.
Co inicio de outubro chega unha nova tempada radiofónica de CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña. Onte foi a estrea realizando o equipo de La Ciencia es Femenino, unha das asociacións que realiza programa na emisora, entrevistas a varias das alcaldesas que estiveron no Pazo Municipal de María Pita. A nosa compañeira Adriana Fernández foi a responsable de levar a cabo esta iniciativa coa que arrancamos a vixésimo novena tempada da radio que da voz á cidadanía coruñesa e de concellos da área metropolitana.
Dende as instalacións no Campus da Zapateira, emitindo dende os Estudios José Couso e Rafaela Hervada, máis de 100 persoas levarán a cabo a programación máis variada do dial coruñés. Dende os deportes minoritarios en Minority Sports, á cultura galega en Recendo, aos programas de humor que triunfan en audio e tamén en Tik Tok como é Vellenials, todo ten cabida na emisora que se pode escoitar no 103.4 da frecuencia modulada e tamén por internet en cuacfm.org.
Regresan programas con máis de vinte anos en antena como Café con gotas, dirixido por Pablo Rubén Fernández, ou El desinformativo con Ozzy De Castro e un equipo completo de colaboradores que tamén están noutros programas como Rubén de Orión (programa de música rock e metal) ou Roberto Ansede de De los Adoquines a los Andes.
Para poder participar na emisora hai que enviar un correo electrónico a comunicacion@cuacfm.org e dende aí guíase ás persoas interesadas para que se asocien ao Colectivo de Universitarios Activos, a asociación propietaria da emisora, para formarse a continuación sen custe e comezar a emitir se se desexa nalgunha das horas dispoñibles.
Para completar a emisión as vintecatro horas ao día os sete días da semana CUAC FM complementa os seus contidos propios con programas externos de alta calidade como Democracy Now, La Cafetera ou Carne Cruda, así como programas doutras emisoras comunitarias galegas e do resto do estado como Ábrete de Orellas, todo un referente coa música do país como principal contido. Todos os programas poden escoitarse cando se desexe dende a web ou a app grauita CUAC FM no apartado Podcast.