O Goberno galego traballa na actualización do proxecto da rúa Serra de Meira, no tramo entre a rotonda de Paradai e a avenida Adolfo Suárez, e que conta con medio millón de euros para executalo, pero o delegado pide garantías.
A Xunta de Galicia dirixiu un escrito ao Concello de Lugo para que confirme se o proxecto de reurbanización previsto para a rúa Serra de Meira poderá ser aprobado e informado favorablemente de acordo co Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) de Lugo unha vez que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil remate as obras nesa zona.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, confirmou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a preparar o expediente administrativo para contratar a actualización do proxecto de acondicionamento da rúa Serra de Meira, prevista no plan Paradai. En principio, hai que actualizar os prezos e revisar a adaptación a todas as normas sectoriais, porque algunhas sufriron modificacións puntuais nestes anos.
“Desde o 2018 consignamos 500.000 euros nos orzamentos para o momento en que puidéramos acometer a obra, así que estamos en disposición de facelo -asegurou Arias-, pero necesitamos garantías”. Neste sentido, sinalou que “precisamos que nos aclaren se os traballos que realiza a Confederación permitirán manter o proxecto da Xunta para a rúa Serra de Meira”, dado que o ancho de vía establecido no plan urbanístico municipal, que é maior do actual, obriga a utilizar a zona de dominio público hidráulico, e polo tanto é necesaria a autorización da Hidrográfica para facer os muros de contención que sempre se negaba polo risco de inundabilidade.
Ao respecto, o delegado lembrou que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil sancionou ao Concello de Lugo e á Xunta de Galicia polas obras da glorieta de ponte Paradai “porque aínda que era unha actuación consensuada entre as administracións, o Concello non solicitou o permiso á CHMS, como era a súa obriga”; a Xunta foi sancionada de forma solidaria co Concello por non confirmar que o ente municipal dispoñía da autorización para facer a obra, “polo que non queremos que volva a acontecer unha situación similar”.
Arias aclarou que a intervención que leva a cabo actualmente a Confederación Hidrográfica realízase no tramo de río oposto -ao outro lado da rotonda, no inicio da calzada das Gándaras- e non no treito da futura actuación da Xunta, entre as glorietas da ponte Paradai e a avenida Adolfo Suárez, polo que “tememos que unha vez concluídas as obras no leito se vai manter a situación actual” e non se podería autorizar pola Confederación a actuación prevista pola Xunta, é dicir, a utilización da zona de servidume do Rato. “Deberían explicarnos se, pese a esa circunstancia, esta reforma resolverá as discrepancias e permitirá autorizar o proxecto de Serra de Meira tal e como está deseñado”, afirmou.
Apunta que, se esta é a situación, o Concello podería facer unha modificación do Pxom “para que non sexa necesario ampliar a vía, como sinala o Plan Xeral, e arranxala no seu ancho actual”.
Javier Arias entende que o Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica “actuaron con deslealdade neste asunto”. Inicialmente, Concello e Xunta defenderon de modo conxunto a actuación executada na rotonda de Paradai, pero no 2021 o Concello asinou un convenio coa Confederación que tardaron tres anos en materializar, e non foi ata este mes de agosto cando, despois de reclamalo en repetidas ocasións, informaron dos seus plans á Consellería.
“Unha vez revisada a documentación, suscítanse máis dúbidas que certezas e o que pedimos, para avanzar dunha vez por todas, é que nolas aclaren para evitar máis dilacións no plan Paradai”, concluíu.