A Consellería do Mar aborda co sector a situación da campaña de libre marisqueo na ría de Ares-Betanzos

por Redacción Galicia

Acordáronse medidas de xestión enfocadas a optimizar os prezos de cara á campaña de Nadal

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, mantivo un encontro cos representantes das confrarías da ría de Ares- Betanzos para analizar os resultados das mostraxes realizadas polos técnicos do Centro de Investigación Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, nos bancos de libre marisqueo de Ares e Sada, sometidos a un seguimento de evolución do stock dende o 2018. A finalidade deste encontro, ao igual que o celebrado a semana pasada co sector da ría de Arousa, era valorar xunto cos profesionais a situación que presentan na actualidade.

Así, analizados os datos recadados, decidiuse non traballar en toda a campaña no banco marisqueiro de Ares de cara a axudar á súa recuperación  e aplicar esta mesma medida no banco de Sada o inicio de decembro, momento en que se iniciarán os traballos de extracción por parte da frota e que se prolongará ata a primeira semana de xaneiro, data na que se analizarán os resultados obtidos e se avaliarán novas medidas. Esta decisión relativa ao banco sadense busca optimizar o valor económico dos recursos con talla comercial existentes de cara á campaña de Nadal.

Na xuntanza, enmarcada no modelo de cogobernanza coa que a Xunta aborda a xestión pesqueira en Galicia, ademais de representantes de confrarías da ría tamén participaron a dirección territorial da Coruña da Consellería do Mar e membros de Gardacostas. Na reunión establecéronse topes á extracción no banco marisqueiro de Sada para as tres especies nas que se detectou stock comercial suficiente. Os topes por tripulante e día acordados foron para a ameixa babosa 6 quilos, para a rubia 4 quilos, e para a cornicha  30 quilos. Tamén foi acordado o establecemento dun punto de control así como que os aspectos acordados sexan implementados a vindeira semana para dar a debida marxe de tempo ás embarcacións que xa puideran estar traballando nestas zonas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario