Compost Galicia S.A. foi sancionada polos seus continuos vertidos ao río Avia en Leiro

por Redacción Galicia

Tras as denuncias do grupo local de Ecoloxistas en Acción no Ribeiro, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil impuxo sanción económica á empresa Compost Galicia, S.A. por vertidos continuados de augas residuais procedentes da planta de compostaxe.

Ecoloxistas en Acción presentou en febreiro unha denuncia ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil polos continuados vertidos de augas residuais procedentes das instalacións da empresa Compost Galicia, S.A. en Leiro, Ourense. 

A organización ecoloxista denunciaba que, a través dunha tubería de gran tamaño, a planta de compostaxe estaba evacuando augas residuais e vertendo á canle do regato San Gregorio, afluente do Río Avia. Sinalaban, ademais, unha contaminación por filtracións continuas ao facerse, na planta de compostaxe, acopio de lodos en terreos sen impermeabilizar. Unhas filtracións que causan unha degradación das aguas subterráneas da contorna.

«Non é o primeiro vertido desta empresa. Ten un longo historial, xa en 2022 veciños da zona, cansos de anos de degradación ambiental, de augas contaminadas, de nubes de mosquitos e cheiros insoportables presentaron denuncias ante o Seprona» declara a coordinadora de Ecoloxistas en Acción O Ribeiro.

Motivado pola denuncia de Ecoloxistas en Acción a Confederación Hidrográfica Miño-Sil deu apertura a un expediente que concluiu agora coa imposición dunha sanción económica polos continuados vertidos ao dominio público hidráulico. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario