Besteiro: “Feijóo e Rueda deben comparecer porque estaban na cúspide da pirámide de decisión” 

por Redacción Galicia

Os socialistas apoiaron ao BNG para presidir a Comisión e garantir a transparencia

O voceiro do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, foi claro e contundente á hora de esixir a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda na Comisión de Investigación constituída hoxe no Parlamento. Besteiro subliñou que ambos os dous líderes populares «estaban na cúspide da pirámide de decisións» durante o período investigado e, por tanto, «non poden eludir a súa responsabilidade política».

A Comisión de Investigación abordará o sobrecuste de 470 millóns de euros na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro e tamén os contratos que se adxudicaron durante a pandemia a empresas vinculadas con familiares de cargos próximos ao Partido Popular. Besteiro destacou a importancia de que a investigación sexa transparente e exhaustiva, permitindo que comparezan todos os implicados, desde os niveis máis baixos ata os máximos responsables políticos.

“Feijóo e Rueda deben comparecer porque, como máximos responsables políticos nese momento, teñen moito que explicar sobre as decisións tomadas. Non podemos deixar que os que estaban na cúspide da pirámide eludan a súa responsabilidade”, afirmou o voceiro socialista.

Ademais, Besteiro lamentou que o Partido Popular impedise que a presidencia da Comisión recaese nun membro da oposición. «O PSdeG apoiou ao BNG para presidir esta Comisión», explicou, subliñando que esta decisión se baseaba na necesidade de «garantir a máxima transparencia e independencia no proceso de investigación». Sen embargo, finalmente será un membro do Partido Popular quen presida, o que xera preocupación sobre a imparcialidade e o correcto desenvolvemento da Comisión.

Besteiro fixo un chamamento á responsabilidade do Partido Popular e advertiu que os socialistas estarán vixiantes: “Se o Partido Popular non ten nada que ocultar, debe demostrar con feitos que permitirá que esta Comisión funcione sen atrancos, para que se coñeza toda a verdade”, engadiu.

O PSdeG adiantou que presentará unha ampla lista de comparecentes, incluíndo tanto técnicos como políticos que participaron nas decisións investigadas, co obxectivo de esclarecer os feitos e depurar responsabilidades. “A transparencia non é unha opción, é unha obriga nunha democracia. O pobo galego merece saber a verdade sobre o que pasou co sobrecuste do Álvaro Cunqueiro e cos contratos en plena pandemia”, concluíu Besteiro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario