O eurodeputado galego visitou hoxe o IES Dionisio Gamallo de Ribadeo e foi recibido polo alcalde Daniel Vega no Concello.
O eurodeputado galego Francisco Millán Mon celebra o cada vez maior interese da mocidade galega pola Unión Europea e reivindica o proxecto europeo como “unha comunidade de valores compartidos” na que “as súas voces e preocupacións poden ser escoitadas e atendidas”.
“A Unión Europea é moi importante para a nosa terra, xa que as decisións que determinan o futuro dos nosos pescadores, das nosas mariscadoras, dos nosos agricultores e gandeiros, da nosa mocidade ou da nosa industria e comercio tómanse basicamente en Bruxelas. Todas estas decisións son cruciais para Galicia e por iso, como eurodeputado galego, teño que velar todos os días para que os intereses galegos sexan tamén defendidos como intereses europeos”, destacou hoxe na súa visita a Ribadeo.
Unha visita na que mantivo un encontro co alumnado do IES Dionisio Gamallo, que forma parte do programa de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo, no que constatou o crecente interese da mocidade pola Unión Europea. Neste sentido destacou a importancia de que as novas xeracións comprendan os obxectivos, a orixe e o funcionamento desta institución: “É moi positivo ver como a mocidade mostra cada vez maior interese pola Unión Europea, que non só é un proxecto político, senón tamén unha comunidade de valores compartidos”.
“É imprescindible que a xuventude coñeza as institucións europeas e poder así comprometerse máis co proceso de integración europea para asegurar un futuro de paz, prosperidade e liberdade”, engadiu subliñando a necesidade de que nos centros de ensinanza se afonde no aprendizaxe sobre a Unión Europea e as súas institución a través do que denomina “asignatura europea”.
Por último, remarcou que é esencial seguir promovendo iniciativas que acerquen a Unión Europea á mocidade tanto no ámbito académico como a través de programas de mobilidade como o Erasmus+ ou o DiscoverEU: “A mocidade ten que sentir que a Unión Europea non é algo distante, senón un espazo onde as súas voces e preocupacións poden ser escoitadas e atendidas”.
RIBADEO, ENCLAVE EXCEPCIONAL DO CAMIÑO DO NORTE
Posteriormente Francisco Millán Mon foi recibido polo alcalde Daniel Vega, ao que agradeceu o seu cálido recibimento nunha cidade da que destacou a súa “riqueza cultural incomparable” e o seu “vínculo especial coa historia indiana que tanto valoramos en Galicia”.
O eurodeputado pontevedrés destacou a relevancia do traballo do Goberno local para potenciar e preservar este patrimonio que atrae cada ano a miles de visitantes interesados na arquitectura e a historia. Neste sentido puxo en valor a importancia de Ribadeo como punto estratéxico no Camiño de Santiago do Norte, unha ruta histórica de gran transcendencia para Galicia, España e Europa.
“Ribadeo non só destaca polo seu legado indiano, senón tamén como un fito esencial no Camiño de Santiago, o que a converte nun enclave turístico e cultural de primeira orde”, concluíu incidindo en que a promoción deste tipo de atractivos é fundamental para fortalecer o turismo en Galicia e poñer de manifesto o carácter acolledor e hospitalario dos galegos.