O III Foro da Castaña analiza en Riós a evolución do sector a nivel internacional

por Redacción Ourense

Nesta terceira edición, completouse o aforo dispoñible coa participación de máis dun centenar de profesionais para analizar temáticas técnicas e prácticas que inciden no axeitado desenvolvemento das producións

A Deputación de Ourense organizou, a través do Inorde, a terceira edición do Foro da Castaña que este ano se centra en ofrecer unha visión da evolución do sector a nivel internacional, nas demandas dos operadores comerciais respecto ás variedades e calidades do produto, así como en ofrecer formación práctica en temas como a poda ou os enxertos para unha adecuada xestión dos soutos por parte dos produtores.

O presidente do Inorde e deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, inaugurou hoxe o foro no edificio multiusos de Riós, xunto á alcaldesa de Riós, Eva María Barrio, e ao director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, José Luis Chan.

Rosendo Fernández dixo que este foro, que organizamos no marco do convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural para o desenvolvemento agroforestal, intentará servir para establecer unha comunicación fluída entre todos os axentes que interveñen na cadea de produción de castaña, dende o produtor ata a segunda industria transformadora.

Neste sentido, o deputado de Representación Institucional destacou a idoneidade de celebrar este foro en Ourense, «unha das principais produtoras de castaña de Galicia, e máis en concreto en Riós que conta cunha gran presenza de soutos».

Nesta terceira edición, completouse o aforo dispoñible coa participación de máis dun centenar de profesionais, entre produtores de castaña, propietarios individuais ou agrupacións propietarias de soutos en Galicia e representantes de empresas privadas e entidades públicas que traballan nalgún ámbito vencellado a este sector para analizar temáticas técnicas e prácticas que inciden no axeitado desenvolvemento das producións.

Relatorios, demostracións prácticas e visitas técnicas

Trala inauguración da xornada, comezou o apartado de relatorios da man do secretario da IXP, Manuel López, quen presentou a IXP Castaña de Galicia e as novas medidas a implementar. Posteriormente, o xerente de Viveiros Refoxos, Manuel Míguez falou do castiñeiro híbrido e enxertado e dos factores que determinan unha planta de calidade, mentres que o xerente de Leiras de Progo, Xosé Dositeo Veiga centrouse no futuro no rural e do proxecto de recuperación de leiras abandonadas.

A programación continúa coa presentación do proxecto «AcelerOU» da Deputación co que está a impulsar a transformación dixital das pequenas empresas, autónomos e emprendedores ourensáns. A continuación retomaranse os relatorios con «Prodemia da castaña provocada por Gnomoniopsis smithogilvyi» e o «Estado do castiñeiro no mundo: unha perspectiva global», ambos a cargo de José Gómez Laranjo da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), e co relatorio sobre «A castaña e a súa comercialización: variedades e calidades» da man da xerente de Cuevas y Cía, Rocío Cid.

A parte práctica da xornada inclúe unha demostración de enxertado e poda de formación a cargo do responsable de Viveros Castanea Sativa, Miguel Ángel Vázquez de la Mata; e de Ricardo Prieto Domínguez e José Manuel Guerra Nieves de Soutogal. Por último, a xerente do Inorde, Emma González será a encargada de pechar a xornada coas conclusións da mesma.

Mañá sábado, 5 de outubro, os participantes realizarán unha visita técnica á Asociación de Propietarios de Soutos de Parada de Sil Canón do Sil, unha agrupación forestal de xestión conxunta. Pola mañá desprazaranse á nave de clasificación, o sequeiro de castaña, plantación nova de castiñeiros, soutos tradicionais e o Castiñeiro Milenario de Entrambosríos e logo coñecerán a Sociedade Cooperativa Galega (SOFRAGAL) en Nogueira de Ramuín, que está dedicada á comercialización e transformación da castaña.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario