Co obxectivo de reforzar a colaboración entre os dous territorios, incentivar as relacións comerciais e buscar novas oportunidades de investimento para as empresas galegas e británicas.
A xuntanza, celebrada no marco do Foro La Toja e na que tamén participou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, serviu para avaliar os intercambios económicos entre Galicia e Reino Unido, poñendo de relevo que desde a Xunta se traballa desde hai anos para paliar os efectos do Brexit nos distintos sectores, especialmente no pesqueiro.
De xaneiro a xullo de 2024 as exportacións galegas ao Reino Unido incrementáronse en máis dun 43 % con respecto ao mesmo período do ano anterior, sendo a automoción e o metalmecánico dous dos sectores con máis peso nas vendas de Galicia a Gran Bretaña.
Tal e como salientou Rueda, desde o Goberno galego estanse a desenvolver tamén diferentes accións para seguir favorecendo o crecente turismo británico cara á Comunidade e a promoción do Camiño de Santiago no Reino Unido, tendo en conta que no que levamos de ano selaron as súas compostelas máis de 11.300 peregrinos británicos, un 8 % máis que no mesmo período do ano anterior.
Estas actuacións desenvólvense no marco da nova Estratexia de Turismo de Galicia, que foi presentada polo presidente autonómico a semana pasada, investirá máis de 1.000 M€ ata 2030 para potenciar un turismo sostible, hospitalario e diversificado por todo o territorio.