O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou hoxe xunto á Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, no Domingo das Mozas, unha das xornadas máis emblemáticas no marco das festas de San Froilán que se celebran ata o 12 de outubro na cidade de Lugo.
Tomé Roca asistiu á ofrenda a Rosalía de Castro, realizada polas actrices lucenses Marga Portomeñe e Ana Carreira diante do busto da poetisa galega situado no Parque Rosalía. Ana Carreira é escritora, contacontos, dramaturga e produtora; mentres Marga Portomeñe é actriz e artesá, especialista en restauración e construción de xigantes e cabezudos. O acto serviu de homenaxe á autora galega, aproveitando para reivindicar a vixencia do seu pensamento e acción.
A Deputación colabora coas patronais de Lugo, unha das citas máis importantes de Galicia, que se remontan ao ano 1754 e declaradas de Interese Turístico Nacional. A cidade de Lugo espera recibir a milleiros de persoas durante estas festas, que contarán ata o 12 de outubro con preto de 200 actividades.
PUBLICIDADE