O PPdeG pon en valor o traballo do Goberno galego para garantir o acceso á vivenda da mocidade fronte ás mentiras e as promesas baleiras da esquerda

por 21 Noticias

O Partido Popular de Galicia faise eco dos problemas da mocidade galega para acceder a unha vivenda e contrapón as medidas tomadas desde o Goberno de Alfonso Rueda para garantir este dereito fronte ás mentiras e promesas baleiras dos partidos de esquerdas.

Os populares galegos sosteñen que ante unha cuestión como é o do acceso á vivenda, especialmente para a xente nova, a única resposta válida é aportar e implantar solucións reais. Neste sentido apuntan que en nada axuda á mocidade que o BNG se dedique a “sementar unha visión negra de Galicia e mentir para ocultar os avances e as oportunidades que se están dando na nosa Comunidade” ou que o PSOE “só fale de vivenda en campaña electoral”.

A presidenta de Novas Xeracións de Galicia e deputada no Parlamento, Nicole Grueira, recorda que Pedro Sánchez “prometeu miles de vivendas que non aparecen por ningures e que, como os trens, nunca chegan” e denuncia que non axudan a solucionar o problema da vivenda nin a permisividade do Goberno central ante a okupación, nin as políticas de restricións e imposicións que só provocan un aumento dos prezos e, ademais, desincentivan o alugueiro.

Fronte á ocultación da realidade duns e as promesas incumpridas doutros, a política lucense reivindica que o Goberno galego actúa con feitos, con medidas concretas e efectivas e cun compromiso claro como é o do presidente Rueda de duplicar o parque público residencial de Galicia nesta lexislatura.

A maiores disto, destaca medidas como o Bono de alugueiro mozo e as axudas dirixidas aos menores de 35 anos para a compra en centros históricos ou para a adquisición de vivendas en concellos rurais, ademais do aval hipotecario para mercar un inmoble.

“En Galicia non se promete o que non se pode cumprir, senón que se traballa a diario para garantir que os galegos, especialmente os máis novos, teñan acceso a unha vivenda digna. O futuro constrúese cumprindo coa palabra dada, non con promesas baleiras”, conclúen desde o PPdeG.

Así mesmo, cómpre lembrar que o presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o pasado venres no marco do Foro La Toja que presentará, ante “a incompetencia lexislativa do Goberno central”, o plan integral para o acceso á vivenda do Partido Popular, e reclamou mesa onde senten todas as administracións, expertos e afectados para solucionar o problema.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario