O líder do PSdeG advertiu que Galicia está quedando atrás en comparación do resto de España debido á falta de eficacia dos Presupostos durante os últimos 15 anos: “As contas do PP non se traducen en solucións reais”.
O portavoz do Grupo Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, emprazou hoxe ao presidente da Xunta a darlle “un xiro radical na xestión orzamentaria para que a Galicia das desigualdades non siga medrando”. Esixiu un cambio de rumbo respecto dos Presupostos da Xunta dos últimos 15 anos para que o crecemento económico de Galicia deixe de quedar atrás en comparación co resto de España.
O líder socialista denunciou que a “evidente” falta de eficacia das contas públicas galegas durante os mandatos de Feijóo e Rueda, que amosan a “desconexión” entre as prioridades do PP e as necesidades reais dos galegos e das galegas. Esta realidadetradúcese, explicou, en “menos oportunidades de emprego, estancamento de empresas e empeoramento da calidade de vida dos galegos e das galegas”.
Advertiu que coa súa xestión os galegos e galegas están a perder o “chorro de crecemento” que si rexistra o resto do Estado, cun crecemento do emprego e a actividade económica moito maior que Galicia.
Ante a comparecencia do presidente da Xunta mañá no Parlamento para avanzar as liñas dos Orzamentos do vindeiro ano, Besteiro advertiu da necesidade de investir as cifras dos gobernos do PP, que “non abordaron problemas críticos” coma o desemprego, a vulnerabilidade das persoas maiores e dependentes ou a “desesperación” das mozas e dos mozos ante a falta de oportunidades para vivir dun xeito digno.
O secretario xeral do PSdeG criticou que “son simples números que non abordan as necesidades da poboación”, antes de sinalar que a Xunta semella querer destinar cada vez máis recursos “ápropaganda” en lugar de facelo a sanidade ou educación, mentres os concellos non deixan de alertar sobre a asfixia financeira á que os somete o Goberno galego pola súa falta de corresponsabilidade.
Besteiro sinalou que a Xunta de Galicia está a fracasar na “proba do algodón” que representa a xestión dos fondos europeos, que deriva na perda de oportunidades de sumar impulso na innovación, a economía, o apoio ás empresas ou a formación dos traballadores e traballadoras. Sinalou que o goberno galego estase a amosar incapaz de “influír e potenciar” a capacidade de crecemento económico grazas a estes recursos.
Subliñou que “poderían ser utilizados para mellorar o tecido empresarial e crear emprego de calidade, especialmente para os mozos e as mozas, pero ano tras ano moitos deses recursos quedan sen utilizar”, algo que prexudica seriamente o futuro de Galicia, lamentou.
En canto as políticas fiscais, foi rotundo: “Van na dirección oposta”, xa que rebaixan impostos ás rendas máis altas, renunciando a recadar máis recursos para reforzar as políticas públicas. Advertiu que o goberno galego cae na “contradición evidente” de desbotar fondos propios mentres reclaman máis recursos do Estado, “demostrando que non están dispostos a apostar pola corresponsabilidade fiscal”.
Asasinato machista
O secretario xeral do PSdeG comezou a súa comparecencia condenando de forma “firme e rotunda” o asasinato machista de Fadoua Akkar, que tivo lugar esta fin de semana en Moaña, esolidarizándose coa dor da familia da vítima. Besteiro demandou “máis recursos e medidas eficaces” na loita contra a violencia de xénero, porque “o machismo mata e a tarefa de todos e todas nós é combatelo para erradicalo por completo”..